DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os profesores de Belas Artes Yolanda Herranz e Jesús Pastor participan no proxecto internacional ‘Gi

Obras en ruta para amosar o potencial artístico da serigrafía dixital

Os traballos de 31 investigadores forman parte dunha exposición itinerante que percorre España e Col

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 11/06/2014

Coñecer e dar a coñecer o verdadeiro potencial da serigrafía dixital como técnica artística. Ese é o eixo vertebrador do proxecto Gliptodonte. Visións a través da Arte, no que participan 31 docentes e investigadores de diferentes países, entre os que se atopan os profesores da Facultade de Belas Artes Yolanda Herranz e Jesús Pastor. Partindo dunha mesma fotografía, todos eles empregaron as novas tecnoloxías no ámbito da serigrafía para dar forma ás 91 obras que integran unha exposición itinerante que ao longo do presente ano está sendo exhibida en diferentes puntos de España e Colombia.

Como explica Yolanda Herranz, a iniciativa que deu pé a esta exposición itinerante parte dun grupo de investigación internacional que reúne a docentes e artistas de países como España, Arxentina, México e Reino Unido e que coordina o profesor da Universidade de Salamanca José Fuentes. “O obxectivo deste proxecto era revitalizar artisticamente un medio técnico, a serigrafía dixital, e tratar de amosar que permite obter uns resultados plásticos o suficientemente amplos como para poder abordar con ela calquera aspecto da creación”, salienta esta profesora.

Tres conceptos e a foto dun gliptodonte

Unha fotografía en branco e negro da cuncha dun gliptodonte, un animal prehistórico xa extinto, serviu de inspiración inicial para os 31 artistas implicados neste proxecto, aos que lles trasladaron tres conceptos a partir dos que crear tres obras pensadas especificamente para a súa reprodución serigráfica. “Loxicamente, á hora de traballar, temos que pensar que a imaxe final vai quedar traducida a catro tintas”, recoñece Herranz, que atopou nesta técnica “unhas potencialidades diferentes ás da serigrafía tradicional”. Na mesma liña, Jesús Pastor recalca o interese dun proxecto que propón “unha simbiose entre as posibilidades técnicas da serigrafía as posibilidades da arte dixital, que permiten que a imaxe serigráfica, xa de por si moi recoñecible, se abra a novos medios de expresión”.

Illar, distorsionar e poñerse no lugar de outro foron os tres conceptos que lle propuxeron a Herranz para dar forma a unhas obras que, explica, “cada artista enmarca dentro das súas liñas de traballo persoais”. No seu caso, o resultado vén marcado polo “uso da palabra e do texto como material central”, mentres que no de Pastor, as obras afondan máis “no proceso de construción da imaxe que no propio resultado final”, como explica o seu autor, que recoñece que a fotografía empregada como punto de partida “non é perceptible en absoluto” nos traballos presentados.

Unha exposición en ruta

A posibilidade de realizar varias copias dun mesmo proxecto é outra das características centrais da serigrafía, e, neste caso, a que fixo posible que os traballos creados para Gliptodonte puidesen verse de xeito simultáneo en diferentes partes do mundo. En España, esta exposición presentouse por primeira vez a finais de 2013 no Museo de Ciencias Naturais de Valencia e desde comezos de maio ata o pasado 9 de xuño puido verse na Sala Cielo de Salamanca. Pero, ao mesmo tempo, esta mostra percorre tamén nestes meses diferentes puntos de Colombia, onde Gliptodonte foi estreada o pasado mes de outubro no Claustro de San Agustín de Bogotá. Desde alí, a exposición iniciou unha viaxe por diferentes institucións do país que se estenderá ao longo de todo este ano 2014 grazas ao patrocinio do Banco Nacional do país americano. Esta posibilidade de simultanear a exhibición das obras levou a Pastor a incidir no “ambicioso deste proxecto internacional” que trata de amosar o potencial da serigrafía dixital “expoñendo as obras en múltiples partes do mundo” e que a xuízo deste docente, “seguro que se estenderá máis aló deste ano”.