DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeira reunión do ano da comisión mixta Concello - Universidade

As obras de urbanización dos terreos de Tafisa comezarán en 30 días

O convenio de cesión do edificio que acollerá a residencia estudantil asinarase a vindeira semana

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 27/01/2011

A primeira reunión da comisión mixta Concello Universidade deste ano serviu para concretar o inicio das obras para a urbanización dos terreos de Tafisa, nos que se construirá o Edificio das Artes e que están datadas para dentro “de 20 ou 30 días máximo”, tal como apuntou a concelleira de Urbanimo, Teresa Casal. Nesta xuntanza, da que a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, saíu “moi satisfeita e cun balance positivo” tamén se tratou o estado de tramitación da cesión do edificio da ONCE, así como a sinatura final do convenio da Escola Infantil Universitaria, na que o pasado martes xa comezou a súa actividade regular.

Primeiros pasos para a construción do Edificio das Artes

O inicio da construción do Edificio das Artes cada vez se atopa máis preto, xa que, ademais do comezo das obras no seu emprazamento, a vicerreitora comentou que “xa está contratado Juan Creus, o arquitecto que gañou o proxecto” polo que comezará a traballar nun primeiro termo na adecuación do espazo aos terreos de Tafisa mediante un estudo topográfico para poder comezar a súa posterior execución. Este estudo coincidirá no tempo co que o Concello está a desenvolver para adaptar o terreo ás necesidades das obras do AVE, lindeiro coa urbanización e o futuro vial de Tafisa.

Sobre o financiamento para a construción deste novo edificio, a vicerreitora explicou que, ademais do orzamento universitario dispoñible para o seu levantamento, “estamos buscando en caladoiros europeos, en concreto nos fondos FEDER”. Mais, aclarou que “a través dos proxectos europeos, o Edificio das Artes non é facilmente subvencionable porque se priorizan edificios tenconoloxicos e de biomedicina”. Aínda así, concórrese tamén a estas convocatorias da UE para a ampliación da Facultade de Fisioterapia e engadiu que “se conseguimos eses ingresos podemos redistribuilos internamente en función da cuantía facilitada”.

Cesión do edificio da ONCE

A concelleira de Urbanismo, Teresa Casal, aproveitou a xuntanza para anunciar que a vindeira semana, concretamente o 3 e 4 de febreiro, se reunirá con representantes da ONCE para finalizar a tramitación da cesión do edificio da ONCE, que acollerá a futura residencia do campus. “Xa está todo preparado na notaría para proceder á permuta do edificio da residencia da ONCE, pois nestes dous días queremos deixar atados todos os cabos, incluso establecer datas para presentar publicamente o proxecto”, apuntou Casal. Á espera da sinatura da cesión, a Universidade xa dispón dos planos dixitalizados do seu interior “para levar a cabo o proxecto real do que vai ser a residencia”, en palabras de Antonia Blanco.

Polo que respecta ao convenio da Escola Infantil Universitaria, xa finalizada, a vicerreitora adiantou que se procederá á oficialización do convenio a mediados do mes que vén “coa sinatura por parte do reitor, o alcalde de Pontevedra e a conselleira de Benestar Social no Concello”.