DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preséntase este xoves nun obradoiro con actividades para toda a familia

O Observatorio Astronómico de Forcarei abrirá en breve as súas portas

Estará en pleno funcionamento no 2009, Ano Internacional da Astronomía

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 12/11/2008
A falta de ultimar certos detalles relacionados con temas de seguridade, o Observatorio Astronómico de Forcarei, o primeiro público en Galicia con fins de divulgación científica e astronómica, está a piques de iniciar a súa actividade. As instalacións están xa rematadas, o telescopio a punto e todos os sistemas debidamente validados. No 2009, data que coincide coa celebración do Ano Internacional da Astronomía, o centro estará xa en pleno funcionamento.
Promovido pola Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, da que a profesora Ana Ulla é presidenta e con sede na Facultade de Ciencias do Mar, o complexo inclúe un edificio de oito metros de diámetro situado nuns terreos de 10.000 metros cadrados doados polo veciños do municipio. Visitas diúrnas e nocturnas, xornadas de portas abertas, campamentos astronómicas, cursos... son só algunhas das actividades coas que botará a andar, pero na mente dos membros do padroado, entre os que se inclúe dende o propio concello ata a Universidade, hai xa importantes plans para o futuro.
A idea é que co tempo se poida chegar a ter un centro de visitantes, un planetario, bungalós, o que Ulla denomina “un pequeno Parque Astronómico” no que se poidan facer estancias de varios días nas que combinen as actividades do centro con outros labores formativos relacionados por exemplo coa agricultura ecolóxica, xa que a Fundación Galicia Verde está a rehabilitar na mesma zona unha granxa escola, “ademais pódense realizar tamén visitas ao entorno de Forcarei, unha zona cun importante valor paisaxístico” relata a profesora viguesa.

Os nenos, serán os grandes protagonistas do VIII Obradoiro de Astronomía

Para abrir boca e coincidindo coa Semana da Ciencia, Ulla organizou para este xoves e venres no Centro Social de Forcarei, o VIII Obradoiro de Astronomía e Astrofísica Gallaecia Astronómica, no que se fará a presentación pública do observatorio e no que o público infantil terá un especial protagonismo, xa que a el se dirixen unha importante cantidade de actividades.
Cun completo programa, mentres que os maiores asisten ás conferencias os cativos teñen para eles diferentes actividades nas que poderán divertirse dun xeito diferente ao tempo que aprende e teñen un primeiro contacto co mundo da astronomía. “Están programados un amplo abano de actividades que van dende as conferencias ata os contacontos, un planetario burbulla, un sorteo astronómico, un concerto estelar, observacións guiadas ou mesmo unha merenda”, explica Ulla.
Este tipo de actividades especialmente dirixidas ao público infantil, iniciáronse na anterior edición do obradoiro, celebrado no Concello de Vilaboa, onde o balance foi máis ca positivo, “ao final houbo sesións de contacontos ata nas escaleiras, porque a biblioteca quedounos pequena”, subliña Ulla, quen lembra que os obradoiros se iniciaron no ano 2000, coma curso de Extensión Universitaria, e co paso das edicións hai algo que sempre se repite: o interese que esperta entre todo tipo de público, dende os cativos ata a xente máis maior. “Por citar un exemplo, nesa primeira edición tivemos preto de cen matriculados nos que se incluían alumnos de 15 anos ata outros de case 80”.
Nesta edición daranse cita no obradoiro especialistas das tres universidades galegas e de varios institutos de astrofísica, caso do de Canarias e Andalucía e nel reunirase por primeira vez o Comité Asesor Externo da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, xestora do proxecto do Observatorio. Este comité está formado por oito expertos de diferentes ámbitos que van dende os investigadores profesionais ata as diferentes asociacións astronómicas, “este tipo de asesoramento é moi común en proxecto grandes de astrofísica, cada vez que se lanza un satélite ou se pon en marcha un gran telescopio cóntase con un e eu propuxen que no noso caso tamén se formase”, recalca.
Aproveitarase tamén este encontro para concederlles aos veciños un pequeno diploma en agradecemento á sesión gratuíta dos terreos, “sen a cal nada disto sería posible”, así como tamén ao propio alcalde de Forcarei, “que dende o principio se implicou de cheo neste proxecto”.

Ulla coordina a nivel nacional as actividades en universidades do Ano Internacional da Astronomía

Máis alá destes proxectos a profesora Ana Ulla, presidenta tamén do grupo especializado de Astrofísica da Real Sociedade Española de Física, coordina a nivel nacional as actividades que se levarán a cabo no 2009 nas universidades españolas con motivo do Ano Internacional da Astronomía, un proxecto impulsado pola Unión Astronómica Internacional e a UNESCO, co obxectivo de aumentar o coñecemento científico da sociedade sobre a astronomía e os seus campos afíns.
A idea fundamental é que en todo o 2009 en todas as universidades españolas, públicas e privadas, se imparta como mínimo unha conferencia de astronomía ou materias relacionadas: astrofísica, física planetaria, historia da astronomía, astronomía na arte... “A idea foi moi ben acollida e hai xa máis de 90 investigadores que confirmaron a súa participación, algo moi loable, pois colaboran coa iniciativa dun xeito totalmente altruísta”, recalca.