DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Ciencia Política e da Administración está no Top10 da Universidade de Granada

O Observatorio de Gobernanza, unha boa ferramenta para formar ao alumnado como xestores e cidadáns

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 10/07/2013

“O alumnado universitario non só debe adquirir competencias senón tamén unha ampla formación en valores. De nada serve ter un Ferrari se o coche non ten rodas e o piloto non coñece as normas de circulación”, argumenta Enrique Varela. É por iso que a Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade puxo en marcha no seu momento o Observatorio de Gobernanza G3, “unha especie de motor impulsor a partires do que traballamos para formar un bo xestor ou directivo, un bo cidadán e un bo individuo” salienta o profesor. Este “motor” encárgase, en primeira instancia, da coordinación do Grao en Dirección e Xestión Pública e do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional.

A maiores, dende o observatorio tamén se están a desenvolver distintas liñas de investigación que conseguen que a área, integrada por dez doutores, figure entre as máis produtivas do estado chegando a publicar os seus artigos e investigacións en revistas nacionais e internacionais de recoñecido prestixio. Nos últimos anos, a área, a través do propio G3, creou unha serie de “alianzas” asinando distintos convenios coas universidades de Miño (Portugal) e São Paulo (Brasil) e co Colexio de Fronteira Norte (Colef) de México. Seguir avanzando nos seus estudos e achegarse ao campo da investigación internacional é unha das máximas desta iniciativa que xa deu os seus froitos a través da sinatura de diversos convenios e numerosas colaboracións.

Meubook, artigos de investigación na rede

Continuando coas liñas de investigación abertas por este grupo de doutores e docentes do Observatorio de Gobernanza, teñen apostado polas novas tecnoloxías a través de Meubook, un espazo en liña no que os investigadores colgan os seus textos. O acceso e descarga ao mesmo é totalmente gratuíto. Ata o de agora hai dispoñibles nove estudos pero está previsto que nos vindeiros meses esa cifra vaia incrementando progresivamente.

No Top10 do ránking da Universidade de Granada

Na edición 2013 do Ranking I-UGR da Universidade de Granada Vigo aparecía entre as dez mellores universidades españolas en seis disciplinas tecnolóxicas. A Área de Ciencia Política e da Administración sube un posto en relación ao ano anterior neste recoñecido ránking e destaca por ser a única disciplina do eido das Ciencias Sociais e Humanidades que aparece nunha clasificación copada principalmente polas enxeñarías, a xenética e a bioloxía. Para o profesor Enrique Varela, aparecer nun ránking coma este “é un recoñecemento ao traballo realizado durante máis de 20 anos en materia de xestión e investigación por un nutrido grupo de expertos na materia vinculados maioritariamente á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación como son os profesores e investigadores Argimino Rojo, Álvaro López Mira, Mónica López Viso, Celso Cancela, Enrique Varela, Xosé Mahou, Constantino Cordal, Rosa Ricoy, Antón Rodríguez Álvarez, Alfonso Sola e Óscar Briones que integran G3.