DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xavier Labandeira, coordinador do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible:

“O obxectivo é formar profesionais que agora non existen pero que son moi demandados”

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 23/09/2008
Este xoves remata o prazo para preinscribirse no Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, unha iniciativa coa que se vai dar resposta á actual necesidade do mercado de traballo de profesionais polivalentes capaces de afrontar os retos dunha sociedade onde cada vez teñen máis importancia os sectores relacionados co medio ambiente. O profesor de Economía Aplicada, Xavier Lavandeira, é o coordinador do máster.

Con que obxectivo se creou o máster?
O obxectivo é formar a uns profesionais que nestes momentos non existen, pero que son moi demandados. Basicamente cando falas de temas de xestión ambiental o que te encontras é xente que fai cousas sobre o tema pero desde perspectivas moi puntuais. Por exemplo, os enxeñeiros, que controlan o tema tecnolóxico, os de ciencias o científico, os de economía a economía ambiental e os de empresas a xestión, por citar algúns exemplos. Pero a día de hoxe carecemos dun profesional polivalente que saiba un pouco de todo isto e este é o oco que vai cubrir o máster.

A que tipo de público se dirixe?
O acceso ao máster é moi variado. O noso obxectivo é que veña xente de tecnoloxía, de ciencias, de economía e empresa e tamén de Dereito. Eles son o noso campo preferente, aínda que outras titulacións tamén poden ser benvidas.

Que tipo de mercado se van atopar, unha vez rematado o máster?
Falamos de tres tipos de destinos. Dunha banda, a administración pública, precisamente en boa medida o curso xurde porque a Xunta se pon en contacto con nós para comunicarnos que se atopan coa carencia de profesionais que poidan abordar con garantías as temáticas relacionadas con cuestións medioambientais. As institucións públicas e, en concreto, a Consellería de Medio Ambiente, unha das principais financiadoras do máster, é pois unha das probables vías de traballo.
Un segundo campo son as empresas. A nivel galego xa temos moitas empresas que teñen interese nestas cousas, sobre todo enerxéticas e entidades que operan no campo ambiental, entre as que se atopan varias financiadoras do máster.

Pódenos sinalar algún exemplo?
Iberdrola, un dos grandes financiadores e que conta cunha importante participación no negocio eólico galego; Alcoa, unha grande consumidora de enerxía e na que hai un estrito control dos seus impactos ambientais; Tragsa, a empresa pública máis importante a nivel ambiental, ou Coren, entidade que tamén manifesta un importante interese polos temas medioambientais, tanto por minimizar os efectos que eles poden xerar como porque dependen moito das condicións ambientais, dado o tipo de actividade que exercen.
Por suposto estas empresas e outras deste tipo teñen demanda de profesionais e elas mesmas ofrecerán prácticas. Neste senso estamos seguros de que algúns dos nosos egresados continuará a súa vida profesional coas empresas colaboradoras.

Vostede citou tres tipos de destinos. Mencionou xa a administración pública e a empresa, cal sería ese terceiro campo de traballo.
As consultarías, cada vez hai máis consultoras que traballan para outras empresas ou para as administracións públicas sobre estas cuestións. Ademais, tamén está a opción do exercicio profesional por libre.
Estamos convencidos de que vai ser un máster con moito éxito laboral, xa que hai un mercado claro para este tipo de profesionais. Nun momento de crise coma o actual este é un sector de futuro no que non haberá problemas a nivel de empregabilidade, senón todo o contrario, haberá unha carga de traballo importante, non só porque é a tendencia a nivel europeo, senón que ademais, en Galicia cada vez temos máis sectores relacionados co medio ambiente con moita importancia, desde empresas líderes no campo das enerxías renovables ata un dos plans eólicos máis importantes de Europa.

Ao tratarse dun título oficial o máster lanzase cun prezo público.
Efectivamente é un produto moi asequible. Estamos a falar de entorno a mil euros a matrícula, cando másters similares custan dez veces máis.
A diferenza de prezo débese a que somos capaces de captar recursos fóra da Universidade. Temos un grandes financiadores como a Xunta de Galicia e as empresas máis importantes do sector, de maneira que a maior parte dos custes se cobren fóra da matrícula.

Cun curso de duración. Como se van estruturar os contidos?
O máster ten tres partes. Hai un módulo que nos leva ata principios de decembro que achegará o contido teórico. Impartirase por profesores universitarios, sobre todo da nosa universidade pero tamén de fóra. Trátase de darlle as bases aos estudantes no aspecto científicio, tecnolóxico, xurídico e económico-empresarial.
O segundo módulo dura ata marzo. É un apartado moito máis práctico que será impartido por profesionais en activo, ben da empresa ou da administración pública. Ensinarlle á xente como se fai unha avaliación estratéxica ou o proceso de avaliación dunha infraestrutura desde o punto de vista ambiental son algúns exemplos dos temas que se van abordar.
Unha vez rematado isto os alumnos irán a prácticas obrigatorias durante os meses de abril, maio e xuño. Serán nas empresas que nos financian máis noutras que nos ofrecen prácticas. Estes meses converteranse na aplicación práctica dos contidos e na ponte cara o mercado de traballo.

Por que na Universidade de Vigo?
Vigo é unha universidade na que os estudos relacionados co medio ambiente teñen moita importancia. Temos unha Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais con investigadores de recoñecido prestixio a nivel español e onde a docencia sobre estas cuestións é importante; unhas escolas de enxeñaría, onde os aspectos tecnolóxicos relacionados co medio ambiente teñen moita importancia e grupos moi potentes no campo da eficiencia enerxética e das enerxías renovables, así como as titulacións de Ciencias do Mar, Bioloxía e Química, onde os traballos sobre estas cuestións son moi relevantes.
Todo isto fai que a nosa Universidade sexa o lugar ideal para implantar un título multidisciplinar coma este.