DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun proxecto de Campus do Mar e Fecyt de carácter divulgativo

Oceans of Plastics achega á sociedade as investigacións sobre o impacto dos plásticos no medio mariño

Converte os resultados dos grupos de I+D en recursos gráficos que amosan os riscos de contaminación

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 08/01/2018

Oceans of Plastics arrancou hai un ano da man de Campus do Mar e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología co obxectivo de informar e alertar á sociedade sobre o uso excesivo de plásticos e o impacto que este tipo de residuos teñen no medio mariño. Para iso, traballaron en colaboración cos grupos de investigación da Universidade de Vigo e do Instituto Español de Oceanografía para seleccionar os contidos de maior relevancia en relación con este eido e convertelos en recursos gráficos de carácter divulgativo. Agora, na parte final do proxecto, estase a comezar coa difusión destes contidos divulgativos a través de redes sociais e webs coa finalidade de facer ver, por exemplo, o impacto que os plásticos teñen en peixes ou mamíferos, o modo de distinguir os tipos de envases de plástico e súa toxicidade ou o xeito de minimizar a produción deste tipo de residuos, que proceden tanto de botellas e bolsas como, no caso de microplásticos, de xeles ou produtos de hixiene e limpeza.

E é que na actualidade estímanse que nos océanos do planeta flotan arredor de cinco millóns de partículas de plástico, que xeran verdadeiras balsas de lixo. É un problema crecente, xa que cada ano, pola mala xestión deste tipo de residuos, preto de oito millóns de toneladas de plásticos rematan no mar. Estes residuos proceden tanto do consumo de fogares como das industrias e constitúen unha das principais preocupacións da comunidade científica en materia de oceanografía, contaminación mariña e cambio global. Neste sentido, Oceans of Plastics apostou por aproveitar as investigación desenvolvidas dentro do Campus do Mar neste campo para elaborar recursos gráficos divulgativos de alta calidade que abordan a realidade do impacto que os plásticos están tendo nos océanos. Para iso, o proxecto implica docentes de Ciencias da Educación e do Deporte e de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, ademais dos e das científicas do Campus do Mar. Así, tras seleccionar os contidos froito de proxectos de I+D, adaptouse esa información converténdoa en pequenas unidades didácticas comprensibles para o público xeral, como paneis informativos, gifs animados ou infografías, da man de persoal experto en artes gráficos ligado ao Campus Crea. Agora, na fase final, estase a proceder a difundir os materiais elaborados para que cheguen a toda a sociedade, especialmente aos centros educativos dos diferentes niveis, para informar e sensibilizar ás novas xeracións sobre este problema ecolóxico. Neste sentido, o coordinador global do proxecto, Jorge de los Bueis, destaca o esforzo "dun equipo de persoas moi multidisciplinar, traballando xuntas para converter un coñecemento científico en linguaxe técnico en contidos comprensibles polo público en xeral sobre un problema moi actual".

“A acollida do proxecto en redes sociais está a ser realmente excelente”, pois en menos de 24 horas o Facebook do proxecto acadou máis de 100 seguidores, “o que sen dúbida é un moi bo indicativo da preocupación da sociedade polo coidado e a conservación dos océanos”. Nun mes dende o estreo das canles de difusión, o Facebook conta xa con máis de 1200 seguidores.

Concurso escolar

Ademais da difusión dos materiais xerados en Oceans of Plastics, o proxecto puxo en marcha tamén un concurso escolar para o alumnado de educación primaria e secundaria no que as e os participantes puideron presentar traballos en relación á mitigación dos efectos do lixo plástico no mar. Segundo os coordinadores, este certame, que acaba de dar a coñecer os seus gañadores, pretende implicar activamente a centos de nenas e nenos buscando “inculcar a importancia que as nosas accións diarias teñen no medio mariño”. Os proxectos gañadores foron en Primaria Mensaxe nunha botella, de alumnado do CEIP Vicente Otero Valcárcel e en Secundaria Océanos de Plástico, dun grupo de estudantes do CPI de Cova Terreña.

Material divulgativo sobre microplásticos ou a toxicidade das botellas

As diferentes temáticas que aborda o proxecto en relación aos impactos negativos do plástico nos océanos son variadas e comprenden aspectos como as diferencias entre macroplásticos e microplásticos, os aditivos empregados na fabricación dos diferentes plásticos, a clasificación dos microplásticos, os impactos do plástico macroscópico e microscópico, o efecto “illa de lixo” e mesmo ofrece unha serie de boas prácticas para minimizar os efectos negativos producidos por estes residuos. Como explica Jorde de los Bueis, "as unidades didácticas que desenvolvimos están concebidas para ser unha ferramenta coa que persoal docente poida traballar este tema co seu alumnado, pero tamén para que as nais e os pais o poidan facer na casa". Pola súa banda, as infografías e gifs están pensados "para que sexan materiais que, grazas á súa disposición gráfica e contido visual, sexan compartidos facilmente nas redes e cheguen a moita xente con mensaxes claros, riogorosos e concisos".

Por exemplo, unha das pezas relata como os contaminantes químicos do microplásticos rematan, por bioacumulación, pasan dos peixes aos organismo humano, mentres outra explica a diferencia entre os microplásticos primarios (que se fabrican cun tamaño menos de 5 mm como micropartículas, microfibras da roupa ou microperlas de deterxentes ou produtos de hixiene) e os secundarios (que proceden da degradación de envases ou bolsas que se atopan no medio mariño). Outras infografías explican tamén como plásticos macroscópicos como bolsas, redes, etc. poden asfixiar aves mariñas ou estrangular peixes e mamíferos. Outra serie de pezas céntrase na prevención e na redución da produción destes residuos. Explican así como identificar as resinas de plásticos presentes nos envases e lembran que botellas e recipientes a evitar son identificados cos códigos 3 (PVC e vinilo), 6 (espuma de poliestireno) e 7 (bisfenol A) e os máis seguros 2, 4 e 5, sendo o 1 de un só uso, xa que o emprego continuado pode desprender DEHP, un ftalato tóxico. Tamén a través de gifs animados danse pautas e ideas de boas prácticas que axudan a minimizar a produción de residuos de plástico, como mercar a granel, reciclar os envases, non tirar polo Wc produtos de hixiene como bastóns do oídos, evitar mercar cosméticos con microperlas ou roupa con microfibras téxtiles e optar por artigos de varios usos.