DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Procedentes de España, Portugal, México, Arxentina e Polonia abordarán a sostibilidade do medio mari

Oceántica reúne nun campamento en Ribadeo a 40 rapaces e rapazas de Europa e América Latina

Exerceron de divulgadores nos obradoiros que o programa Mergúllate no Océano está a desenvolver este

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 22/08/2013
Duvi | Vigo
Trasladar á sociedade o coñecemento sobre o medio mariño en ámbitos como a pegada de carbono no océano, a biodiversidad, a contaminación, a sostibilidade dos recursos ou a saúde. Ese foi o obxectivo co que naceu o proxecto educativo Oceántica que, ao abeiro do Campus do Mar, estes días está a desenvolver o seus Campus Xuvenil Internacional no campamento de A Devesa, na localidade lucense de Ribadeo. En total, 40 rapaces e rapazas procedentes de España (Galicia, Alicante e Alcalá de Henares), Portugal, México, Arxentina e Polonia que compartirán unha experiencia única na que o mar é o protagonista.

Os participantes desta iniciativa son os gañadores do I Concurso do Congreso Xuvenil Internacional virtual Oceántica 2013, ao que acudiron con traballos multimedia de sensibilización sobre a sostibilidade do medio mariño e o cambio climático. Agora, durante cinco días, estes mozos e mozas deberán afrontar dous importantes retos: crear vídeos de cinco minutos con propostas para o futuro sostible da costa galega e asturiana e montar un número musical de temática mariña que interpretarán este sábado 24 no Teatro de Ribadeo tanto para as súas familias como para o público xeral.

Guiados por Antón Coucheiro

O primeiro contacto coa interpretación chegou nada máis aterrar no Campus este luns 19: da man do guionista e director de escena Antón Coucheiro realizaron exercicios de interpretación libre, creación de personaxes, dramatización e improvisación. Unha forma divertida de quentar motores para a primeira reunión para a creación do número musical, na que tamén estiveron acompañados por José Rodríguez, profesor da Escola de Altos Estudos Musicais de A Coruña, cos que traballaron na definición do guión, nas coreografías e nas dramatizacións.

Para achegar aos rapaces e rapazas á realidade do mar, durante o campamento realizarán actividades de ocio e tempo libre en diferentes puntos da costa lucense, como a praia das Catedrais ou o porto de Burela. Alí o cronista do diario El Progreso Pablo Villapol explicoulles o pasado e o presente da Mariña e dos portos de Ribadeo e Burela: o primeiro, un importante núcleo pesqueiro e comercial que agora case non ten tráfico; o segundo, un pobo de recente creación que medrou arredor da pesca de bonito e que conta cun dos portos máis relevantes de Europa.

Sen esquecerse dos principais protagonistas do mar, os mariñeiros, nunha das xornadas os rapaces mantiveron un encontro con Jaime Cabeza, catedrático de Dereito Laboral da Universidade de Vigo, que lles falou sobre as condicións de traballo dos pescadores. O profesor explicoulles que controlar e inspeccionar o traballo no mar é moi difícil, polo que tradicionalmente se realizaron prácticas excesivas con xornadas laborais longas, condicións perigosas e salarios baixos, algo ao que contribuíu que moitos armadores abandeiren os seus barcos en países con condicións laborais moi precarias.

Divulgadores por un día

Os mozos e mozas aproveitaron a proximidade xeográfica para participar durante unha xornada no programa de actividades Mergúllate no Océano, un pequeno laboratorio de investigación en ciencias e tecnoloxías mariñas impulsado polo Campus do Mar co que se trata de concienciar á sociedade sobre a importancia da conservación do medio mariño e que estivo ata hoxe xoves 22 en Burela.

Divididos en grupos de seis, os rapaces e rapazas manexaron cuestións como as correntes mariñas; os animais que hai na auga; os otolitos, que indican entre outras cousas a idade dos peixes; a talla mínima que deben ter; as zonas de pesca e a flota pesqueira española; a importancia das dunas; a acidificación do océano ou a xestión integral da zona costeira. Unha vez formados e en parellas, exerceron de divulgadores impartindo os obradoiros e atendendo a todo o público que visitou os diferentes stands. Esta fin de semana Mergúllate no Océano viaxará ata A Guarda (23 e 24 de agosto), última parada deste programa de actividades.