DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto, cun custo de casi 2 millóns de euros, será cofinanciado pola Universidade e a Consellarí

A oferta deportiva do campus de Ourense amplíase con pistas de atletismo e un campo de rugby e fútbol

Segundo Gago a Universidade tamén pretende ser un referente deportivo e de ocio

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noelia V. Vilanova DUVI 03/02/2009

O campus de Ourense ampliará a súa oferta deportiva coa construción de unhas pistas de atletismo e un campo de rugby e fútbol. Cun custe total de 1.976.623 euros, o proxecto estrutúrase en tres partes importantes como son as propias instalacións deportivas, a construción das bancadas e os vestiarios e, por último, o tratamento da parcela a urbanizar. Xunto coa a piscina, o pavillón universitario e as instalacións polideportivas xa existentes, este novo espazo “pretende completar as dotacións deportivas do campus pero tamén da cidade”, asegurou Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo.
O Consello da Xunta aprobará este xoves o convenio presentado hoxe pola conselleira de Cultura e o reitor da Universidade de Vigo, a través do que o departamento de Ánxela Bugallo achegará un millón de euros para a realización da obra. “Este é un proxecto froito da ilusión, do esforzo e da planificación conxunta”, destacou a conselleira que sinalou que a obra encádrase dentro “do desexo de construír unhas instalacións deportivas de grande magnitude para o campus pero coa condición de que estean abertas ao resto da sociedade”. A conselleira rematou destacando “a calidade do proxecto resultado de moito traballo” e agradecendo o esforzo “tanto á corporación municipal, como á reitoría e as distintas autoridades universitarias”.
Pola súa banda, o reitor subliñou que “a Universidade non só pretende ser un referente cultural e educativo senón tamén a nivel deportivo e de ocio”. Estas futuras dotacións amosarán unha vez máis a función social da Universidade “xa que serán unhas instalacións abertas á participación de toda a cidadanía”. Gago non quixo esquecer a colaboración do Concello de Ourense que “cedeu a metade dos terreos sobre os que se vai construír o complexo”.
No tocante ás instalacións e os seus usos, á urbanización da contorna e a outras especificacións técnicas, foi o arquitecto Javier Suances o encargado de dar as explicacións pertinentes, facendo especial fincapé nas actuacións medio ambientais e de desenvolvemento sustentable do proxecto.

O proxecto en detalle

O proxecto estrutúrase en tres partes importantes, “as propias instalacións deportivas, a construción das bancadas e dos vestiarios e, por último, o tratamento da parcela a urbanizar”, explicou o arquitecto. O primeiro apartado consiste en unhas “pistas de atletismo con dúas rectas de 100 metros e oito rúas” que enmarcan ao campo de herba artificial de rugby e fútbol, ambas dotacións “realizaranse con materiais de última xeración”.
Con respecto ás bancadas “a súa capacidade será de 300 persoas aproximadamente” e baixo elas bancadas situaranse os vestiarios que contarán cunha superficie aproximada de 2,5 metros cadrados por xogador.
No referido á urbanización “todos os desniveis realizaranse con materiais naturais e muros verdes” e plantaranse espazos de céspede e masas arbóreas “que axudarán ao control térmico das pistas no verán”, sinalou Suances. Destaca no proxecto o enfoque medio ambiental que se lle deu á hora de planificalo, “xa que as instalacións se van a situar nunha contorna natural e intentamos que se integrasen o máximo posible”, sinalou Suances. Outro apartado importante é o do desenvolvemento sustentable, neste senso hai que destacar entre outras accións “a instalación de paneis solares térmicos para o aforro de auga quente sanitaria nos vestiarios” e o alumeado eléctrico cuxa intensidade se regulará segundo haxa adestramentos ou competición deportiva.
O proxecto forma parte do complexo deportivo que xa existe no campus, dotado dunha piscina climatizada, o pavillón e as pistas polideportivas ao aire libre, xunto a estas instalacións o campo de rugby e fútbol e as pistas de atletismo conseguirán ofrecer tanto aos universitarios como aos cidadáns un gran abano de actividades.