DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A oferta de obradoiros para segundo cuadrimestre aposta pola seguridade viaria, o software libre, a cultura xaponesa ou a fotografía submarina

A matrícula está aberta dende este luns e ata o 7 de marzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 26/02/2008

Temas de actualidade como a seguridade viaria ou as posibilidades do software libre e clásicos como a cultura xaponesa ou a fotografía submarina son algunhas das apostas do obradoiros para o segundo cuadrimestre. Unha vez rematados os exames e retomada a vida académica, tamén volve ao campus a oferta de actividades da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, que está aberta á sociedade en xeral. En total, os interesados poden elixir entre 16 obradoiros para os que a matrícula, que xa está aberta, poderá formalizarse ata o 7 de marzo.
Unha das novidades deste cuadrimestre é a inclusión no obradoiro de mecánica do automóbil, unha parte que tratará sobre seguridade viaria. Impartido por Antonio Piñeiro Vilariño, un profesional con experiencia no Rally Dakar, o obxectivo é satisfacer a curiosidade dos neófitos e proporcionar nocións básicas para iniciarse no mundo do automóvil. Trátase de analizar as características técnicas ao tempo que se afonda na seguridade activa e pasiva e na prevención dos accidentes de tráfico.
Outra das aposta para estes meses é o obradoiro de Openoffice, que versará sobre a suite ofimática do software libre. Contando coa experiencia de membros de asociacións como Galpon, os asistentes poderán coñecer os procesadores de texto, as follas de cálculo, os programas de deseño vectorial ou de bases de datos.

Da cultura xaponesa á fotografía submarina

O de iniciación á cultura xaponesa é outro dos obradoiros que se porán en marcha no que resta de curso. Coa colaboración da asociación IPPON, os docentes tratarán de achegar algunhas das costumes dun país afastado pero que esperta moito interese na sociedade occidental, a través do estudo da súa historia, do seu idioma, das artes marciais e do cine, o manga e a música.
Outra das apostas da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes é o obradoiro de fotografía submarina. Impartido por José Luís González, campión mundial desta disciplina, o curso comprende formación teórica sobre os conceptos básicos de fotografía elemental, como a profundidade de campo ou a distancia focal, pero tamén formación práctica sobre o manexo dos equipos e as caixas estancas.

Da arte á cociña e do deseño ao voluntariado

O programa comprende tamén obradoiros que, ano tras ano, pola súa aceptación entre a comunidade universitaria se volven a organizar. É o caso dos cursos de guitarra, de iniciación á fotografía dixital ou de cociña básica. Xunto con eles completan a oferta de actividades os de habilidade de comunicación, de intelixencia emocional, de danzas do mundo, de relaxación, desta volta a través do tacto, de posta en escena dunha obra teatral, modelado en 3D, narrativa e un obradoiro sobre as persoas con discapacidade física, despois de dedicarlle a pasada edición á xordeira.

Matrícula e información

O prazo de matrícula dos obradoiro permanecerá aberto dende este luns ata o vindeiro 7 de marzo na oficina de Extensión Cultural do Edificio Miralles e nos rexistros. O prezo das actividades é de 40 euros para o público en xeral, con excepción do curso de cociña básica, que é de 60. Porén, aos estudantes bolseiros da Universidade aplicaráselle un desconto do 50% e os membros da comunidade universitaria en xeral, un 25%. Ademais, todos aqueles que participen no programas de voluntariado da Universidade, terán a matrícula de balde nos obradoiros de adestramento de habilidades comunicativas, de intelixencia emocional e o curso sobre as persoas con discapacidade física. As prazas, horarios e créditos das diversas actividades poden consultarse na páxina web da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes.