DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A oferta de verán do Centro de Linguas amplíase cun curso de caligrafía e cultura xaponesa

Xunto con español para estranxeiros, idiomas para estundantes de intercambio e inglés intensivo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 27/05/2009

A arte milenaria da caligrafía xaponesa reflicte, segundo os seus coñecedores, os estados de ánimo e incluso a alma dos seus usuarios. Máis que unha escritura, en oriente é dende antigo unha das belas artes máis prestixiosas e conta entre os seus beneficios a meditación e a relaxación. As súas interioridades e os seus trazos delicados e harmónicos poderán descubrirse, grazas ao Centro de Linguas da Universidade, nun curso que se desenvolverá este verán no campus de Vigo. Este curso de Caligrafía e Cultura Xaponesa é a principal novidade da oferta do Centro para este verán, que se completa co xa tradicional curso de español para estranxeiros, os cursos de idiomas para estudantes de intercambio e o curso intensivo de inglés que se impartirá xa no mes de setembro.

Un achegamento a Oriente

O shodo, como se denomina á escrita xaponesa, significa no idioma nipón “o camiño da escritura” e é unha arte chegada de China arredor dos século VI. Dende ese momento foise convertendo nun dos sinais de identidade de Xapón máis recoñecidos en todo o mundo e con forte influenza noutros campos artísticos, sobre todo os relacionados co deseño e estreitamente ligado á pintura e á poesía.
A través do coñecemento desta habilidade esencial para os xaponeses, os asistentes ao curso, que botará andar o 29 de xuño, poderán achegarse á cultura nipona. Segundo apunta o director do Centro de Linguas, Jorge Figueroa, “é a primeira vez que se imparte este curso e intenta ser ameno e práctico, combinando aspectos lingüísticos, culturais e de manualidades”.
Unha primeira parte do curso centrarase expresamente no shodo mentres que na segunda afondarase nas tradicións e na realidade dos tópicos sobre o país do sol nacente. Para todo isto, a práctica será algo esencial e, ademais da caligrafía, haberá unha forte compoñente visual, degustacións e unha práctica de origami ou papiroflexia co obxectivo de experimentar o proceso creativo das obras de estética xaponesa. “O curso ten un límite de 10 prazas porque para a parte de caligrafía precísase ter un material específico que foi traído de Xapón pola propia profesora”, apunta o director.
O período de matrícula abrirase o vindeiro 15 de xuño cun prezo de 160€ e 40 horas de duración. As clases, para as que non é preciso ningún coñecemento previo, desenvolveranse do 29 de xuño ao 16 de xullo de 10.00 a 13.00 horas na Escola Universitaria de Estudos Empresariais en Torrecedeira.

Español para estranxeiros

O curso de español para estranxeiros é xa un clásico da oferta estival do Centro de Linguas. Coa matrícula xa aberta ata o vindeiro 19 de xuño, este curso pretende achegar aos estranxeiros, sexan estudantes ou alleos á comunidade universitaria, ao idioma e cultura española. Clases teóricas, módulos prácticos ou de conversa e excursións e visitas permitiranlle aos asistentes desenvolver as súas habilidades comunicativas en castelán e acceder a coñecementos básicos sobre a cultura española. Haberá dous niveis en función das necesidades dos matriculados: iniciación e avanzado. O obxectivo e facilitarlles a comunicación na vida diaria, nas situación cotiás dentro e fóra da Universidade, polo que se lle dedicarán sesións ao desenvolvemento lingüístico en temas de actualidade, deportes, música, pintura ou literatura.
A duración é de 40 horas e estruturarase en dous grupos, un na primeira quincena de xullo e outro na segunda. Os cursos son independentes e é posible matricularse nun ou nos dous cun prezo de 160€ por curso para o público en xeral e 120€ para os membros da comunidade universitaria. A docencia impartirase na Facultade de Filoloxía e Tradución. Como explica o Figueroa, “en lugar de facer un curso de 80 horas en 4 semanas, como era ata agora, este ano optamos por facer dous cursos de 40 horas en 2 semanas cada un, dando a posibilidade de que, quen estea interesado poida facer os dous cursos consecutivos".

Curso de idiomas para estudantes de intercambio

Pensado especialmente para os estudantes que o vindeiro ano cursarán parte dos seus estudos nunha universidade estranxeira dentro dos programas de mobilidade, o Centro de Linguas organiza cursos de idiomas para axudar na súa preparación lingüística para a estadía. Ao longo do verán desenvolveranse cursos de alemán, francés, inglés, italiano, polaco e portugués no campus de Vigo, inglés e italiano en Ourense e inglés en Pontevedra. Con 40 horas de duración, a matrícula abrirase entre o 15 e o 22 de xuño cun prezo de 160€ para o público xeral, 120€ para os membros da comunidade universitaria e 30€ para os estudantes de intercambio no vindeiro curso académico.

Curso intensivo de inglés

A oferta estival do Centro de Linguas complétase no mes de setembro co curso intensivo de inglés. A docencia comprende un total de 60 horas que se impartirán entre o 11 de setembro e o 2 de outubro dividida en dous grupos dun máximo de 20 alumnos na Facultade de Filoloxía e Tradución. A matrícula poderá formalizarse entre o 1 e o 7 de setembro cun prezo de 240€, sendo de 180€ para os membros da comunidade universitaria.