DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A zona máis afectada é a contorna da EE de Telecomunicación

A Oficina de Medio Ambiente comeza a retirar do campus a planta invasora 'Persicaria capitata'

Nestas zonas potenciarase a flora autóctona plantando amorodos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Institucional
M. Del Río DUVI 09/02/2022

A Persicaria capitata, coñecida como pexegueira de xardín, persicaria de xardín ou tapete inglés, é unha planta orixinaria da zona do Himalaia que foi introducida na península ibérica como unha especie ornamental, un proceso moi habitual de chegada das que logo acaban converténdose en planas invasoras. Na actualidade está moi estendida e pode atoparse en moitos muros e balados dos camiños. No campus de Vigo tamén está presente en varias zonas, pero é a contorna da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na que existe unha maior de concentración. Por iso, a Oficina de Medio Ambiente decidiu comezar por esa zona o proceso de retirada desta planta que se caracteriza por ter “unhas flores compostas de cor rosa que se asemellan a pequenas árbores. As súas follas son de cor verde escura con debuxo en forma de frecha de cor marrón avermellada e medra a través de talos rastreiros moi ramificados de entre 30 e 50 cm de longo”. Sergio Ramos, técnico superior da OMA, explica que esta especie foi introducida en Europa como planta ornamental “pola súa alta capacidade dispersiva e tapizante, pero asilvestrouse e ten un comportamento invasor”. É común atopala en bordos de camiños e calquera tipo de greta e no campus pode atoparse, ademais de na EE de Telecomunicación, arredor da praza Miralles, da Facultade de Filoloxía e Tradución e do edificio Fundición.

Ademais, tamén se aproveitará este proceso de retirada para “potenciar a flora autóctona plantando amorodos (Fragaria vesca)”.

Campañas constantes contra as especies invasoras

Esta campaña de retirada da Persicaria capitata forma parte dun programa moi amplo que a Oficina de Medio Ambiente leva anos desenvolvendo en colaboración coa Unidade de Xardinería da UVigo e coa axuda de persoas voluntarias. Entre as especies contra as que se actúa están a Arcthoteca caléndula ou margarida africa, a Oenothera glazioviana ou herba do asno, a Zantedeschia arthiopica ou cala de Etiopía e Wisteria sinensis ou glicina, así como diferentes tipos de acacia. Tamén traballan para evitar que se poidan introducir algunhas outras novas especies que poidan ter tamén carácter "invasor".

Dos xardíns a ocupar hábitats

A Persicaria capitata, explica Ramos, aínda que non está especificamente no catálogo estatal de flora invasora nin na listaxe da Xunta de Galicia, si aparece no catálogo do GBIF (Global Biodiversity Information Facility - Servizo de Información sobre Biodiversidade Mundial). Ademais, lembra, “en moitos países nos que non é orixinaria, si que se constata o seu impacto como invasora” e xa existen estudos florísticos patrocinados pola Xunta de Galicia que a catalogan como especie exótica invasora e o CSIC nun dos seus traballos tamén reflicte o seu "potencial carácter invasor". Para o campus de Vigo existen traballos científicos que clasifican esta planta como un taxon "con impacto negativo sobre o medio" que aconsella actuacións inmediatas para a súa erradicación.

Segundo relata Sergio Ramos, a persicaria produce “unha gran cantidade de cabeciñas de flores de cor rosada, moi apreciadas como ornamentais, característica de moitas das plantas consideradas invasoras”. E é esta multitude de flores, que ademais produce durante case todo o ano, dá pe a que teñan capacidade para crear importantes bancos de sementes, ademais de ter unha rápida cobertura debido á súa expansión por estolóns. O uso ornamental, engade o técnico da OMA, “favorece a súa expansión por vía antrópica, facendo que medre sobre outras especies ás que lles impide o crecemento e lles ocupa todo o hábitat”. Deste xeito, a planta “escapa” dos xardíns onde se cultiva a outros hábitats inmediatos, como as beiras de estradas e camiños, fendas de paredes, muros e beirarrúas, o que segundo remarca, evidencia un claro carácter “expansivo".