DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todas as semanas a partires deste xoves

A Oficina de Medio Ambiente reinicia as visitas guiadas polo campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 02/02/2009
Coa chegada do mes de febreiro a Oficina de Medio Ambiente retoma unha das súas actividades clásicas: os itinerarios guiados polo campus. Tras un parón de varios meses, a comunidade universitaria volve ter a oportunidade de coñecer da man de expertos os hábitats e a flora e fauna do campus de Vigo.
A partires do día cinco, para cando está organizada a primeira saída, grupos de arredor de cinco persoas percorrerán as diferentes rutas polas partes alta e baixa do campus, é dicir, pola cima e o fondo. “Lugares que, pese a estar moi próximos, teñen hábitats propios, independentemente de que haxa algún aspecto que coincida”, salienta Marta Pérez, técnica da OMA que se encargará de guiar as visitas, xunto á súa compañeira Mª Jesús Valcarce.

Haberá saídas todos os xoves

As saídas serán todos os xoves ás 10 horas. O percorrido de Cima sae da porta do CACTI para subir cara a zona da residencia universitaria, “onde pasa por unha zona de protección arqueolóxica debido á presenza de dúas mámoas e outras construcións megalíticas”, explica Pérez, quen tamén subliña a presenza de hábitats coma os matos, o piñeiral e a devesa, xunto a outros de nova creación que xurdiron tras o plan de reforestación implantado pola OMA que motivou “a chegada ao campus de hábitats propios de Galicia que non estaban no campus ou que estaban e xa se perderan por diferentes motivos”.
O itinerario Fondo sae da porta principal do Edificio de Ciencias Experimentais e, ao longo de aproximadamente unha hora e media, percorre diferentes camiños da parte máis baixa do campus. “É unha zona onde hai, por exemplo, un canal de derivación de augas arredor do que xurdiu un hábitat propio das ribeiras dos ríos, se ben tamén hai devesas, prados e sobreiras”, explica Pérez.

Inscrición gratuíta

A inscrición na actividade é totalmente gratuíta, tan só se esixe rexistrarse con antelación nalgún destes teléfonos 986813883 – 986814081 ou ben mandar un correo electrónico a oma3@uvigo.es. Como único consello as técnicas da OMA recomendan levar roupa e calzado axeitado ás condicións climatolóxicas e, unha vez na saída, “cada ruta poderá presentar certa flexibilidade no trazado, en función do tempo ou o nivel de coñecemento do grupo”.
Ademais da comunidade universitaria estas visitas están tamén abertas á participación do resto da poboación que poida estar interesada e, de feito, “convidamos a diferentes comunidades de montes e asociacións de veciños a participar e así o teñen feito noutras edicións”.