DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con sede no campus de Ourense, conta cun equipo de sete persoas

A Oficina de Software Libre consolídase na promoción do código aberto

Está financiada a través dun convenio coa Xunta de Galicia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 21/06/2011
Unha universidade é unha institución que manexa e xera unha cantidade inxente e moi diversa de información e coñecemento. Para facelo axeitadamente precisa das ferramentas máis actualizadas, entre elas as informáticas. Co obxectivo de optimizar recursos e nunha aposta pola innovación sustentable, a Universidade de Vigo fomenta e divulga o software e a cultura libre a través da súa Oficina de Software Libre. Con sede no campus de Ourense e financiada pola Xunta de Galicia, o seu equipo, formado por sete persoas, traballa nun cambio de mentalidade neste eido na comunidade universitaria e fóra dela.

Francisco Javier Rodríguez, coordinador da oficina e subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, salienta que “a oficina naceu a finais de 2009 coa idea de facer da nosa Universidade un exemplo de reutilización e mellor aproveitamento dos seus recursos, así como unha aposta forte e clara pola innovación e o progreso de maneira ética e sustentable”. O seu obxectivo é ofrecer un punto de encontro de toda a comunidade de software e cultura libres, tanto na Universidade coma na súa contorna (asociacións, particulares, empresas, etc.).

A oficina conta desde hai unhas semanas cun local propio no campus de Ourense e actualmente está composta, ademais de polo seu coordinador, por un PAS e tres bolseiros, aos que se unen outros dous ubicados en Vigo. “Despois da súa creación, estamos traballando na consolidación definitiva da oficina como referente na Universidade, intentando afianzar a súa estruturación e continuidade”, salienta o seu coordinador.

MáisQueLibres

Os servizos que ofrece a oficina son información e asesoramento en software libre, cultura libre e nas licenzas existentes en cada caso, como as Creative Commons. Para facelo, o equipo ten dúas liñas principais de actuación, como son a súa propia web, http://osluvi.uvigo.es, unha plataforma que lles permite difundir e promocionar de xeito actualizado o uso das ferramentas libres, e a realización de diferentes actividades de difusión nos tres campus da Universidade de Vigo.

Entre os proxectos que desenvolven a través da súa web están a realización de pílulas docentes, pequenos vídeos que dun xeito sinxelo e didáctico introducen aos interesados en aspectos concretos do uso do software libre, como pode ser por exemplo como se instala Ubuntu ou as posibilidade de Joomla. Con 53 pílulas xa realizadas, os técnicos da oficina continúan debullando as posibilidades que ofrecen os instrumentos de software libre para rachar unha das principais barreiras para a súa adopción, o descoñecemento e falta de familiaridade con elas.

Este traballo a través da rede vese complementado coa realización de numerosas accións presenciais. Entre elas están a realización de xornadas empresariais, para amosar a este sector as posibilidades do código aberto para os seus negocios, ou a celebración de Días MáisQueLibres, iniciativa que consiste na realización dunha xornada de traballo en cada centro ou grupo de centros afíns na que a través dun stand os técnicos explican o uso destas ferramentas á comunidade universitaria. Entre as iniciativas máis recentes postas en marcha están os Grupos de Innovación Docente de Profesores de Software Libre, que fomentará a asociación de xeito autónomo de educadores para mellorar o coñecemento e aptitudes en distintas ferramentas que axudan á docencia, como R, Wikis ou OpenOffice.

O obxectivo final de todas estas iniciativas é, tal e como salienta Francisco Javier Rodríguez, fomentar a independencia tecnolóxica, a protección do investimento a través da racionalización do gasto e a interacción das aplicacións informáticas, ademais de facer da Universidade de Vigo unha referencia na nosa contorna para o avance da sociedade da información e do coñecemento.