DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas a un curso impartido na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás

A ofimática con software libre xa non terá segredos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 12/11/2010

Dar a coñecer as utilidades do software libre e fomentar a súa difusión é un dos principais obxectivos do curso Openoffice dende cero que o vindeiro 22 de novembro dará comezo na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás. Dirixido a toda a cidadanía, este obradoiro trata de ofrecer os “coñecementos necesarios para acceder ás aplicacións ofimáticas que de xeito gratuíto se atopan disponibles para tódolos sistemas operativos”, segundo explica Alberto García, director do curso.

Se temos en conta que a ofimática é un dos principais usos que habitualmente se da aos medios informáticos, o curso resulta moi útil para aqueles que desexan pasarse dende a suite comercial Office, da empresa Microsoft, ao software libre. “Queremos dotar ao estudantado das capacidades necesarias para o manexo destes programas ceibes”, apunta García, que engade que "son unha alternativa absolutamente viable e de calidade"

En horario de 19.00 a 21.00 horas, o curso, que contará con seis sesións, comenzará cunha pequena introdución o contorno do writer para achegarse posteriormente ás follas de cálculo, ao editor gráfico, así como ao manexo do editor de presentacións e de páxinas webs. Os interesados en participar deberán formalizar a inscrición antes do día 15 deste mes a través da plataforma Bubela.

Unha ampla oferta

Dende que a Aula Tecnolóxica se puxo en funcionamento dous anos atrás vén traballando para cumprir co seu principal obxectivo, achegar as novas tecnoloxías a todos, non só á comunidade universitaria, senón tamén ao público en xeral, pois tal como explica García, “ofrecemos cursos que poden ser de interese para calquera persoa”. Así, as aplicacións pedagóxicas interactivas, os porfolios ou a edición de páxinas webs son algúns dos temas que se tratarán nos vindeiros obradoiros.