DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Insistiron na importancia de que o primeiro emprego sexa axeitado á formación

A OFOE aconsella aos titulados sobre as técnicas a seguir na busca de emprego

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 29/04/2009

O traballo non nos vai vir buscar a casa, moito menos na actual situación económica, pero tampouco abonda con marcar cun círculo as ofertas que nos interesan dos xornais. Hai moitos máis recursos e ferramentas que podemos empregar para acadar un emprego, técnicas que este mércores as orientadoras laborais da Oficina de Orientación ao Emprego, OFOE, Reyes Fernández e Mercedes Inza compartiron cos alumnos do campus.
No punto de partida desta carreira de fondo que é a busca de emprego, convén ter en conta dous aspectos: “coñecer as fortalezas e debilidades propias e estudar a contorna profesional e laboral”, sinalou Fernández. O equilibrio entre estas dúas ideas semella ser a mellor fórmula para conseguilo. Ante un auditorio de mozos xa titulados, tanto Inza como Fernández insistiron na importancia de escoller ben o primeiro traballo porque “vai marcar a vida profesional xa que despois, co paso do tempo, é máis difícil a reinserción”. Neste sentido apuntaron que a longo prazo convén estrearse profesionalmente nun traballo “cunha remuneración menor ou máis afastado da casa” pero que sexa máis axeitado ao noso perfil. Unha boa opción nestes casos é a solicitude de prácticas en empresas para o que existen programas como o das becas Argo, Integrants, Leonardo ou entidades como Feuga ou a Fuac, que as xestionan. Esta vía permite ás empresas “obter titulados cun coste mellor” mentres que os demandantes de emprego “adquiren experiencia” e quen sabe se abren unha porta a un contrato laboral.
As historias de empregados que comezaban en prácticas nunha empresa e se xubilaban nela son menos cada día, o actual ciclo do mercado laboral obriga aos demandantes de emprego a “pasar por moitos postos e empresas diferentes” por iso o que importan son as “competencias transversais” e convén ir adquirindo o hábito de buscar traballo aínda cando xa se ten. As orientadoras aconsellaron aos participantes no obradoiro “ler sempre as ofertas de emprego e gardar aquelas para as que aínda non estamos preparados para coñecer que é o que nos falta e adaptarnos ao mercado”.

Currículum e entrevista de traballo

Ademais destas cuestións xerais os participantes tamén recibiron consellos prácticos para empregar á hora de elaborar un currículo vitae, unha carta de presentación ou responder con éxito a unha entrevista de traballo. O primeiro, debe realizarse coa idea de que o seu obxectivo é, ademais de informar da nosa formación, atraer o interese e esperar a atención de quen o le. No caso da entrevista, que adoita ser un chanzo importante cara a consolidación da oportunidade laboral, o coñecemento da organización na que se aspira a traballar é un requisito esencial que axudará a comportarse con naturalidade e superar as inseguridades e nervios deste tipo de citas.