DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No primeiro día do Forumemprego que organiza a Vicerreitoría de RRII e o Eures no campus

A OFOE presenta aos alumnos o seu servizo de información, asesoramento e formación na busca de emprego

En abril celebrarase un obradoiro de técnicas de busca de emprego

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 11/02/2009

A Universidade de Vigo non se limita a atender os seus estudantes mentres cursan a carreira senón que o seu compromiso con eles vai máis aló. Boa proba diso é a Oficina de Orientación ao Emprego (OFOE) que este mércores presentou, no marco do Forumemprego 2009, a tarefa que desenvolve. Estas xornadas, que organiza a Vicerreitoría de Relacións Institucionais e promovidas polo Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, celebran este ano a súa oitava edición.
O obxectivo desta oficina, segundo indicou Mertxe Inza, técnica da OFOE, é “abrir o maior número de posibilidades a todas as carreiras da Universidade”. A tal efecto, o persoal técnico realiza un labor integral de información, asesoramento e formación no ámbito da orientación profesional e na busca de emprego. Trátase de orientar ao alumnado que xa ten un título universitario na man ou está a punto de conseguilo.
O labor de enlace que a OFOE realiza beneficia tanto a estudantes –finalistas ou egresados- como ás propias empresas. O estudante que precisa unha primeira experiencia profesional entra en contacto con aquelas empresas que precisa incorporacións do seu perfil. Dúas necesidade que se complementan, atópanse. Segundo sinalou Mertxe Inza, “as empresas teñen un servizo especializado sen custe e consiguen dirixir a súa oferta de emprego ao seu público obxectivo”. Inza tamén considerou que as prácticas preprofesionais, que actualmente xestiona a Fundación Universidade de Vigo, son “un camiño que abre moitas portas na busca de emprego” xa que permite “coñecer o mundo da empresa e obter experiencia”.

As ferramentas

Ademais de actuar como intermediaria entre empresas e titulados, a OFOE tamén se encarga de que o alumnado “aprenda as destrezas necesarias para a busca do primeiro emprego”, segundo indicou Mª Reyes Fernández. A boa utilización de ferramentas como o currículo, a carta de presentación ou as entrevistas, permitirá “deixar de ser un máis entre os solicitantes de emprego”. Entre eses puntos de diferenciación Reyes Fernández sinalou a realización dunhas “prácticas de calidade” para adquirir experiencia. A técnica da OFOE ofreceu algunhas consideracións sobre a elaboración do currículo como o feito de que sexa “diferente aos demáis, pero real; reflicta o que pide o posto de traballo e destaque as fortalezas persoais”. Sobre un esquema de contidos xeralizado, Fernández tamén abriu a porta a que os alumnos de titulacións do campus como Belas Artes ou Publicidade e Relacións Públicas “amosen a súa creatividade neste documento”. Estes apuntes completaron as claves que, na sesión da mañá, se deron sobre o currículum Europass como un modelo necesario para moverse en Europa e que impartiu Emilia Seoane, conselleira Eures.
Tamén debullou algúns puntos importantes na elaboración da carta de presentación, cuxo obxectivo é “atraer atención da persoa que fai a selección antes de que lea o cv” ou as claves dunha boa entrevista de selección como “deixar claro o interese por conseguir o emprego” ou “recabar información sobre a propia empresa”. A técnica da OFOE tamén invitou aos alumnos a reflexionar despois de acudir a unha entrevista para “ir collendo habilidades” neste tipo de situacións.

En abril, un obradoiro de técnicas de busca de emprego

Para axudar aos estudantes dun xeito máis individualizado, a OFOE ten previsto realizar o 29 de abril un obradoiro de técnicas de busca activa de emprego no campus. Mediante este programa preténdese que o alumnado interesado coñeza máis polo miúdo onde e como buscar emprego e poida despregar todo un abano de saídas profesionais para a súa titulación.
Deste xeito, os servizos da OFOE aproximaranse aos alumnos do campus xa que, tanto Inza como Fernández, que anteriormente traballou nesta oficina no propio campus de Pontevedra, quixeron deixar ben claro que "aínda que a oficina en Pontevedra estea pechada, os estudantes non están desasistidos".

Segunda xornada do Forumemprego en Pontevedra

O Forumemprego continuará este xoves na súa segunda e última xornada no campus. O alumnado inscrito nestas xornadas que promove o Eures terá a posibilidade de coñecer UNIVERSIA como un recurso para o achegamento ao emprego dos universitarios da man de Demelsa Montero, técnica de recursos humanos de UNIVERSIA. A xornada continuará coa intervención de María Teresa Deus, directora do Centro de Emprego do Concello de Ferrol que presentará os programas europeos como unha oportunidade de emprego para os estudantes.