DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segunda edición do congreso ‘Marine and Freshwater Toxins Analysis’

Oia, epicentro mariño mundial

130 expertos de Europa, Estados Unidos e Xapón debaten sobre os novos métodos de detección de toxina

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 02/05/2011
España é o primeiro produtor de moluscos da Unión Europea, aínda que o 95% desa mercancía procede dunha mesma costa: a galega. Por iso que unha asociación científica estadounidense dedicada á excelencia dos métodos de análise como a AOAC International escolla Galicia e á Universidade de Vigo “como sitio de referencia para un congreso sobre a análise de toxinas en agua doce e salgada é un orgullo”, explicou Ana Gago, organizadora da segunda edición do Marine and Freshwater Toxins Analysis, que se celebrará ata o vindeiro 5 de maio no Hotel Talaso Atlántico de Santa María de Oia. Durante cinco días, preto de 130 expertos punteiros mundiais chegados de distintos puntos de Europa, Estados Unidos, Canadá ou Xapón tratarán de mellorar a detección de compostos daniños, de toxinas emerxentes e de profundar nas metodoloxías analíticas que se están a desenvolver como alternativa ao bioensaio con ratos, algo de vital importancia dado o cambio na lexislación europea sobre os métodos de control. Todo un éxito tendo en conta que este ano hai case un 30% máis de participantes e que a AOAC celebra a maioría dos seus simposios nos Estados Unidos.

Moi vencellado ao Campus do Mar, “un ambicioso proxecto que ten o mar como forza impulsora”, o congreso servirá para pór de manifesto que o desenvolvemento e validación de novos métodos para a detección de toxinas “é crucial para evitar os graves danos que poden ocasionar tanto no medio ambiente como no consumidor e na economía do sector. As algas asociadas á produción de toxinas naturais, o que se coñece como marea vermella, representan unha ameaza significativa para todos”, recordou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, durante a apertura do simposio que converte a Galicia e á Universidade de Vigo como punto de referencia internacional en detección de toxinas.

O cambio de metodoloxía na análise de toxinas, que os científicos están “axeitando aos novos tempos, con métodos físicos e químicos”, supón un importante esforzo para o sector, polo que os expertos apostan por estes foros de debate como escenario idóneo “para mellorar as capacidades técnicas, facer contactos e intercambiar opinións e experiencias”, explicou Manuel Varela, director xeral da Innovación e Xestión de Saúde Pública da Xunta. A partir de aí, unha aposta clara polas sinerxías entre as distintas Administracións para “evitar as grandes perdas económicas que poden chegar a causar as toxinas e pola importancia que teñen as analíticas na súa detección”, asegurou Roberto Saborido, presidente da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN).

O Laboratorio de Biotoxinas, trasladado

Aínda que a AESAN púxose en marcha en 2001, o Laboratorio de Biotoxinas Mariñas de Vigo pertence a esta entidade dende 2004. Agora as súas instalacións quedaron pequenas e este laboratorio europeo de referencia trasladarase dende o Porto de Vigo a carón do campus universitario antes de rematar o ano. “A importancia do traballo que realizamos require dunhas instalacións maiores e para iso Universidade de Vigo e ministerio deben de traballar xuntos polo importante compoñente de investigación que supón. A iniciativa do Campus do Mar vai ser determinante para levar o laboratorio ao sitio que lle corresponde, o que beneficiará ás dúas institucións”, subliña Ana Gago, directora do laboratorio.