DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo ‘Derradeira e definitiva’ dá comezo este venres coa actuación de Gabriel Peso Trío

Oito citas co teatro e a música para dar a benvida ás fins de semana na Casa das Campás

A programación inclúe por primeira vez espectáculos para un público infantil

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 06/03/2014

Teatro e música para despedir á semana. Esa é a proposta que realiza a Vicerreitoría do campus de Pontevedra no marco da súa Programación Primavera 2014, da que forma parte Derradeira e definitiva, un ciclo de actuacións gratuítas que trata de achegar á cidade “unha programación alternativa, moi diferente á que se promove desde outros circuítos”, como apunta Ana Belén Fernández Souto, responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus. Entre o 7 de marzo e o 16 de maio, a Casa das Campás acollerá oito actuacións abertas á toda a cidadanía, programadas todas elas ás nove da noite dos venres e que se engloban baixo o nome de Derradeira e definitiva coa idea de que exerzan “como a porta de entrada á fin de semana”, salienta Fernández Souto.

Jazz no inicio e na despedida

A primeira actuación deste ciclo corresponderá este venres a Gabriel Peso Trío, a formación que lidera o pianista pontevedrés Gabriel Peso, primeiro premio á Excelencia musical da Fundación Paideia. Na súa actuación na Casa das Campás, o trío que completan Kin García ao contrabaixo e Noli Torres á batería presentará as composicións que integran o seu primeiro disco, Sinapsis, no que o jazz se combina coas baladas ou mesmo coa reinterpretación dunha muiñeira.

A música jazz tamén será a protagonista do peche desta programación o 16 de maio coa actuación de Roberto Somoza Grupo, que presentará Continuum, un disco integrado por unha única composición en forma de suite, na que o jazz se fusiona coa música clásica. No seu recital na Casa das Campás, o saxofonista Roberto Somoza estará acompañado por Rosalía Vázquez ao violoncelo, Rubén Barros á guitarra, Sergio Delgado ao piano, Risto Voulanne ao contrabaixo e Naima Acuña á batería.

Teatro para todos os públicos

“A idea é ofrecer unha programación alternativa, para todos os gustos”, engade Fernández Souto de Derradeira e definitiva, que neste 2014 “inclúe por primeira vez teatro para un público familiar”. Concretamente, forman parte deste ciclo dous espectáculos de Baboab Teatro, Contos para un caldiño e Bailando cos contos, programados para o 11 de abril e o 9 de maio respectivamente. Escritas e dirixidas por Andrea Bayer e Óscar Ferreira, estas dúas obras pensadas para nenos e nenas de máis de 3 anos estrutúranse a través da dramatización dunha serie de contos.

Xa para un público adulto, a Casa das Campás acollerá o 14 de marzo a representación de Julieta Virtual, un espectáculo no que o teatro se combina co vídeo, a danza e a performance. Escrita e dirixida por Julio Fernández e interpretada por Eva Alfonso, na trama desta obra resucítase á Xulieta de Shakespeare para formular un relato de denuncia da sociedade actual. Á semana seguinte, a Casa das Campás acollerá unha das primeiras representacións de Amor, un espectáculo de teatro-danza sobre o desamor escrito e dirixido pola actriz Helen Bertels, que busca “trazar un mapa de emocións  cunfío que as vaia unindo e que se chame amor, e reflectir dun modo teatral a beleza que existe no feo, no non aceptado, na dor, no esforzo, na tristura, nas feridas ou nos tabús da nosa sociedade”, sinala a súa autora.

Fusión de música, interpretación e artes plásticas

O 25 de abril, a Casa das Campás acollerá o ‘musicoplastidrama’ de Velpister, un artista que combina a música, a interpretación e as artes plásticas. Na que será a estrea de El niño que aplaude en su escondite. Cuentos para no volverme cuerdo, Velpister interpretará na Casa das Campás unha serie de pezas ao piano ao tempo que dá lectura a relatos e poemas mentres se amosan a través dun proxector diferentes pinturas e debuxos realizados polo propio artista e relacionados co texto ou a música de cada momento.

Así mesmo, o programa de Derradeira e definitiva tamén inclúe o 28 de marzo a actuación de Anaí Lago, que interpretará unha serie de composicións do autor barroco Domenico Scarlatti ao clavicordio, “un instrumento antigo, moi pouco coñecido, que resulta moi espectacular”, salienta Fernández Souto.