DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle do 11 de outubro ao 20 de novembro o ciclo Pensar o Cine

Oito conferencias e oito películas para suscitar o debate arredor da violencia sexual

A iniciativa celebra este ano a súa décima edición

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 08/10/2018

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá do 11 de outubro ao 20 de novembro unha nova edición do ciclo Pensar o Cine. A cita celebra este ano a súa décima edición e faino abordando un tema de debate na actualidade no eido social e xurídico como é o da violencia sexual. Serán oito as proxeccións e oito as conferencias doutros tantos expertos e expertas que abordarán cuestións relacionadas con esta violencia, desde a construción da masculinidade ata o consentimento.

Diferentes tipos de violencia

“Nesta edición cumprimos xa dez anos. É unha desas cifras redondas que hai que resaltar e celebrar”, comenta Pablo Raúl Bonorino, profesor da Facultade de Dereito coordinador da cita xunto a María Lameiras, profesora da Facultade de Ciencias da Educación. “O balance que facemos desta década é moi positivo porque ano tras ano as novas xeracións de estudantes vanse asomando a este ciclo e sobre todo ás problemáticas que aborda desde unha perspectiva crítica, como é a igualdade de xénero”, comenta Pablo Raúl Bonorino sobre a iniciativa, que conta co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Pensar o Cine, lembran desde a súa organización, ten abordado en numerosas edicións aspectos relacionados coa cuestión de xénero e nesta ocasión a temática elixida é a violencia sexual. “Neste ciclo estamos traballando nos últimos anos na visibilización dos diferentes tipos de violencias que sofren as mulleres dentro das sociedades patriarcais, desde as formas máis hostís e evidentes ata as máis sutís e encubertas”, comenta María Lameiras. Segundo explica a coordinadora da iniciativa, a elección da violencia de xénero para esta edición fíxose en consonancia co debate aberto recentemente na sociedade tanto polo movemento Me Too, de denuncia de agresións sexuais e acoso sexual, como pola sentencia do caso da Manada.

“Hoxe máis que nunha é necesario pór en riba da mesa o debate sobre a violencia sexual”, afirma a responsable do grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo. A violencia sexual, recalca María Lameiras, “é a columna vertebral da violencia contra a muller”. Por este motivo, a profesora subliña a importancia de, fronte á educación patriarcal recibida, “entrar na cultura do consentimento activo, de que se quero bicar a alguén primeiro hai que preguntarlle a esa persoa se a podo bicar”. Ademais de mudar a concepción do que significa o consentimento, a experta recalca  a importancia de continuar loitando a través da educación na loita contra a consideración da muller como un obxecto ao servizo do pracer do home e contra mitos respecto ao amor romántico, á masculinidade e ao control do desexo.

Cine para a conciencia crítica

A programación arrancará o día 11 de outubro cunha sesión sobre a "muller vítima e vitimaria" da violencia sexual na que se proxectará a película Veludo azul, dirixida por David Lynch, e na que falará Macario Alemany, da Universidad de Alacante. Para falar de violencia de xénero e patriarcado, proxectarase o día 17 de outubro Soas, de Benito Zambrano, e intervirá Concha Roldán, do CISC. A masculinidade e a súa relación coa violencia sexual será o tema da sesión que terá lugar o día 24 de outubro, na que se proxectará Os mozos non choran, de Kimberly Peirce, e intervirá Pablo de Lora, da Universidad Autónoma de Madrid. Xa para rematar outubro, o día 30 a propia María Lameiras falará sobre as relacións románticas do patriarcado despois de ver a película Lagosta, de Yorgos Lanthimos.  

En novembro a programación arrancará cunha sesión o día 7 na que se proxectará a película As patoloxías do amor e na que falarán Verónica Gulussio, da Universidad de Buenos Aires, e Lorena Campo, da Universidade de Vigo, e continuará o día 8 coa proxección de Corazón salvaxe e a intervención sobre fantasía e violencia sexual de José María Pérez Collados e Manuel Vial, da Universidade de Girona. Para abordar a visión feminista da violación, o día 14 proxectarase no campus Fódeme, de Virginie Despentes e Coralie Trinh Thi, e falará Concepción Torre, da Universidad de Alacante. Por último, Pensar o Cine X pecharase o día 20 cunha sesión sobre a violencia contra a muller nos conflitos bélicos na que se poderá ver a película A vida segreda das palabras, de Isabel Coixet, e intervirá Rosa Sanseagudo, da Universidad Carlos III de Madrid.

Cada unha das películas proxectadas nas sesións, que son abertas a todas as persoas interesadas, ofrecen segundo destacan desde a organización unha perspectiva de interese sobre a temática da violencia sexual, mesturando obras moi diversas desde o punto de vista audiovisual e narrativo. “É necesario fomentar a conciencia crítica e o cine pode ser unha ferramenta para contrarrestar a súa anestesia ou adoutrinamento”, comenta por último María Lameiras.