DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A competición celebrouse esta semana no pavillón de deportes do campus

Oito equipos participaron na quinta edición do Torneo de Voleibol 3x3

O cadro de rugby xogará este domingo contra o Universidade de Vigo Ednon

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 23/04/2010

A quinta edición do Torneo de Voleibol 3x3 reuniu esta semana no pavillón de deportes do campus a un total de oito equipos das diferentes categorías –masculina, feminina e mixta- que competiron polos trofeos e premios do certame. Todos os conxuntos amosaron un alto nivel de xogo na competición polo que os enfrontamentos estiveron moi igualados e os xogadores tiveron que esforzarse ao máximo para conseguir a vitoria. Na categoría masculina a primeira posición correspondeu ao equipo CVO, integrado polos xogadores López, Cid e Yáñez. O segundo posto foi para o cadro Testo di Pesto con Fernández, López e Traseira e o terceiro lugar ocupouno o equipo Amiya con Molina, Challier, Monti e Da Fonte. Na categoría feminina o equipo Mamama, integrado polas xogadoras Vázquez, Valentín e Álvarez, fíxose coa primeira posición correspondendo o posto número dous a Larma, un cadro formado por Mendoza, Vega e Seco. Finalmente na categoría mixta a vitoria conseguiuna o grupo Mamar, con Molina, Mendoza e Vega. Os organizadores do torneo destacaron o bo nivel de xogo acadado polos participantes e o ambiente positivo que rodeou en todo momento o campionato subliñando moi especialmente “o compañeirismo que houbo durante todos os partidos que contribuíu a facer do voleibol un deporte moi atractivo que vai medrando pouco a pouco”, explicaron.

Partido de rugby no campo de Monterrei

O Campus Ourense Rugby xoga este domingo no campo de Monterrei contra o Universidade de Vigo Ednon, un encontro que servirá de posta a punto para o choque que os equipos absolutos xogarán despois en eliminatoria da Copa Galicia. Será o debut en competición para os rapaces que adestra Yayo, un equipo formado este ano e que segue a abastecerse cos xogadores chegados das Rugby Escolas que o club ten en diferentes colexios e institutos da cidade. O conxunto aproveitará o encontro para preparar o partido da vindeira semana no que se enfrontarán ao Ferrol xa en encontro oficial de Copa.