DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entrega dos Premios Incuvi-Emprende

Oito novos inquilinos toman o relevo na incubadora universitaria de proxectos emprendedores

Seis das iniciativas innovadoras instalaranse no campus de Vigo e dous na sede de AJE en Pontevedra

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 04/02/2013
Non ter medo, traballar con paixón e aprender de todo, incluso dos erros. Estas son as tres recomendacións que Rubén Míguez, responsable da empresa Berce, lles da aos emprendedores que ocuparán o seu lugar na incubadora universitaria Incuvi. E é que tras un ano fornecéndose e consolidándose co respaldo da Universidade de Vigo, Cidade Universitaria e a Fundación Universidade de Vigo, os gañadores da primeira edición dos Premios Incuvi-Emprende dan o relevo a oito novos proxectos empresariais innovadores postos en marcha por alumnos e alumnas da Universidade que resultaron gañadores da segunda edición.

Dos 33 proxectos presentados, o xurado escolleu seis de Vigo e outros dous, como novidade desta segunda edición, de Pontevedra. Os primeiros serán os novos inquilinos a incubadora Incuvi, no campus de Vigo, e os pontevedreses instalaranse na sede da Asociación de Jóvenes Empresarios na cidade do Lérez.

No acto de entrega dos premios, o reitor destacou a importancia de potenciar o espírito emprendedor entre os mozos e mozas, e agradeceu ás entidades patrocinadoras a súa “aposta polo talento que nace, crece e madura na Universidade”. Salustiano Mato animounos a todos mirar máis aló da conxuntura actual de crise, a construír futuro, “e iso faise movéndose, levantándose e pensando”. Destacou tamén a necesidade de seguir apostando pola xuventude emprendedora, unha eiva no sistema universitario español, no que pouco máis de 4 de cada 100 estudantes queren ser empresarios. “Con todo, na nosa Universidade case triplicamos esa cifra traballando como catalizadores de todo ese potencial que xera beneficio tanto para os propios emprendedores como para o tecido empresarial e a sociedade en xeral”.

Aplicación práctica da investigación universitaria

Se algo teñen en común os oito proxectos gañadores é a aposta pola aplicación práctica dos resultados do I+D+i universitario. Dende diferentes eidos da formación, os proxectos apostan por empregar a tecnoloxía para dar pulo a froitos da investigación. Os premiados vigueses foron Monet, unha aplicación de tecnoloxías sen fíos a explotacións agrícolas, gandeiras e acuícolas; Smart Rubbish que se centra na recollida selectiva de lixos; Vid, un buscador de datos para pequenas e medianas empresas; Econova, unha rede de explotación sustentable e limpeza de montes comunais; o Edificio Modular Sustentable para a execución de vivendas e servizos dun só piso e Frogspace, proxecto centrado no desenvolvemento e validación de picosatélites. Os dous proxectos seleccionados no campus de Pontevedra foron Interartyve Books, que ten como meta a posta en marchar dunha editorial dixital especializada en arte contemporánea e Fogar 12 Fogar que une arte e repostería.

Todos eles poderán comezar a súa andaina empresarial contando coa subvención dos custes da estadía por un período máximo dun ano ben no Incuvi en Vigo, ben na sede de AJE en Pontevedra. Ademais obteñen un teléfono fixo por cortesía de R, un smartphone por cortesía de Telefónica, un dispositivo de webTV da man de Blusens e un bono formación de 1000 euros para cada un dos compoñentes dos proxectos gañadores por cortesía da Escola de Negocios Novacaixagalicia.

Aos premiados e a todos aqueles que se presentaron a esta convocatoria, tanto o reitor como o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, encargado de conducir o acto, desexaron a mellor das sortes e lembráronlles que terán na Universidade de Vigo todo o apoio que precisen. Precisamente con este espírito se puxo en marcha en 2012 esta convocatoria de premios que dotan de protección de asesoramento aos estudantes e titulados emprendedores, que nesta segunda edición se amplía ao campus de Pontevedra. Precisamente, o vicerreitor José Antonio Vilán quixo recoñecer o apoio prestado por todas aquelas institucións parceiras deste proxecto, ás que o reitor cualificou de “aliados estratéxitos”: Consorcio Zona Franca de Vigo; Porto de Vigo; Novagalicia Banco, PSA-Peugeot Citroën; Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia; Banco Santander; AJE; SIGA 98; Escola de Negocios Novacaixagalicia; Telefónica, R e Blusens.

Os representantes destas entidades foron en encargados de entregar os diplomas aos participantes e as chaves das oficinas aos gañadores. Entres eles atopábanse Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio Zona Franca, Ignacio López-Cháves, presidente da Autoridade Portuaria; José Valenzuela, presidente de AJE Pontevedra ou Miguel Silva, vicepresidente de Blusens.

Berce, un exemplo a seguir

O exemplo de Berce é un dos mellores que poden ter os que van ser os novos inquilinos da incubadora. Impulsada por Rubén Míguez e Víctor Manuel Alonso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, esta empresa está dirixida a facilitar a comunicación entre familias e educadores de centros de infantil de 0 a 6 anos e foi, entre outros galardóns, merecedora do Premio Nacional de Emprendemento.

Míguez animou a esta nova promoción de empresarios a traballar e tamén a soñar. “Ides estar nunha contorna protexida, co respaldo dunha institución como a Universidade de Vigo e traballando con xente que vos vai axudar en todo”, pero sobre todo “recoméndovos traballar con paixón e non ter medo a nada”. Para estes dous empresarios, a convocatoria dos premios Incuvi foi a chispa para emprender e a súa aposta segue a acadar éxitos, sendo xa 17 persoas as que colaboran nesta iniciativa empresarial. Dende a súa experiencia lembroulles aos asistentes que este é un recoñecemento ao talento, pero “o premio non é a oficina, o premio é a experiencia de aprendizaxe, aprender tanto dos vosos compañeiros na incubadora como dos vosos socios e tamén de vós mesmos, pero sobre todo dos erros, sen medo a cometelos”.

Coñecementos aplicados á vida cotiá, os novos nichos de mercado