DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Edificio Xuridico-Empresarial acolle a exposición 'Sinerxías latentes. Arquitecturas dunha nova xe

Oito proxectos construtivos que non se queren quedar no caixón

A mostra reivindica o traballo feito nas universidades e afastado da cultura do “ladrillo”

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 14/01/2013

Paula García-Masedo, Sálvora Feliz, Roberto Lebrero, Rodrigo Delso, María Luisa de Miguel, Borja Gómez, Dingting Chen e Laura Ros son oito arquitectos que se propuxeron o obxectivo de que o seu traballo de fin de estudos na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid non rematase esquecido nun caixón. Con esta idea de fondo puxeron en marcha a exposición Sinerxías latentes. Arquitecturas dunha nova xeración, unha mostra que desde este luns e ata o 8 de febreiro se pode ver na entrada do Edificio Xuridico-Empresarial do campus de Ourense. As súas propostas son unha oportunidade de ver unha arquitectura de calidade pensada para o cidadán e afastada da cultura do "ladrillo".

A mostra, que foi visitada este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e por Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, está dirixida por Sálvora Feliz, arquitecta ourensá directora-fundadora da asociación que respalda esta exposición e que se denomina Conjuntos Empáticos. “Con esta iniciativa quixemos amosar o traballo de xente moi nova pero moi activa, que está a comezar con moita enerxía e que se nega a pensar que no campo da arquitectura todo está rematado”, apunta Feliz. Concretamente seleccionáronse os traballos de oito titulados entre 2010 e 2012 que destacan pola súa puxante traxectoria profesional.

Tecnoloxía e uso cidadán

Concretamente na entrada do Edificio Xuridico-Empresarial pódense ver oito minuciosas propostas para crear un prototipo para a captación de auga de néboa; un centro de innovación educativa para a investigación mariña; unha serie de mecanismos de refrixeración para unha cidade universitaria; unha microcidade do tempo; un “monumento híbrido”; un acumulador hiperconectado de infraestruturas reprogramables; un centro de ocio urbano e un centro de artes escénicas. “Cada un destes proxectos representa un inxente traballo que non pode tirarse ao lixo. É unha arquitectura que destaca pola súa faciana tecnolóxica e polo seu enfoque máis centrado no beneficiario do cidadán que no da economía”, destaca a coordinadora da iniciativa.

Son, explica Sálvora Feliz, proxectos que propoñen edificios que "poderían estar sendo explotados e aos que se lle podería estar sacando rendemento en beneficio da sociedade. Sen embargo, todo este coñecemento dunha nova xeración de profesionais altamente formados segue acumulándose no papel”. "No momento no que nos atopamos, é axeitado lembrar o potencial que se está desenvolvendo nas universidades españolas mediante a investigación, a constancia e o traballo. Por este motivo, decidimos mostrar estes oito traballos que nada teñen que ver coa visión especuladora que se ten do “ladrillo” e que degrada a arquitectura", sinalan os arquitectos participantes na iniciativa.

Esta exposición itinerante vén de estar na Escolas Pías de Lavapiés na Biblioteca de Humanidades da UNED, ambas en Madrid, e continuará a partir do 13 de febreiro no Centro Cultural da Deputación de Ourense.