DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra inaugurouse este xoves na Sala X

"Oito_artistas.gal" afronta o reto de ser profetas na súa terra

A exposición permanecerá aberta ata o 27 de febreiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 23/01/2009

León, Madrid e Porto xa pudieron coñecer unha mostra dos novos artistas galegos saídos da Facultade de Belas Artes. A partir deste xoves, ao grupo de estudantes que conforma Oito_artistas.gal tócalles ser profetas na súa terra xa que as súas obras están expostas na Sala X.
Catro mozos e catro mozas amosan as súas creacións nesta exposición, comisariada polo coordinador da Sala X e profesor de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, que sinala que os artistas reúnidos na mostra “aínda están a ser descubertos e isto xa é algo ben importante, un bo comezo, sobre todo cando os proxectos artísticos que nos ofertan pagan a pena e mesmo resultan tan suxestivos e destacables como os doutros compañeiros de xeración moito máis publicitados”. A porta aberta que tanto a facultade como a Universidade, a través da Vicerreitoría do campus, lle brindan a estes alumnos é un labor “absolutamente pioneiro e único no contexto das facultades de Belas Artes de España”, destaca.
As propostas destes novos artistas atenden a diversos campos e así Pablo Sande representa a través de botes de pintura e ladrillos en + o - = + “o ciclo da cidade e os seus ritmos, como unha colmea que se reproduce”, explica o artista. O retrato da “fraxilidade do ser humano” refléxase na efemeridade dos alfinetes e a lá cos que Nuria Ruibal “debuxa” os seus retratos. Pola súa banda, a Acción como picto-escultura feminista de Sonia Tourón desvela a súa “implicación como artista e como muller” e fotográfase sobre unha peaña á que pinta. María Blanco expón composicións fotográficas como Fin da primeira parte onde os burros e as flores nos levan a un mundo de fábula. Unha serigrafía sobre aluminio dunha folla de caderno cos espazos oculares é a mostra da arte de Tamara Feijoo; mentres que Jorge Migoya investiga no placer das formas e cobre de confetti un machete clavado nun tronco. Pola súa banda, e repetindo encadres, Ignacio García Gómez del Valle presenta unha serie de fotos de circo americano e Víctor Hugo Costas en Nós presenta fotografías que, trenzadas construén novos edificios e xogan co espazo.

Girona, próxima parada

Logo deste tempo en Pontevedra, Oito_artistas.gal desprazarase ata Girona onde será exposta no Centre Cultural La Mercè, última parada desta mostra itinerante que, segundo recoñece Nuria Ruibal, coa que coinciden os seus compañeiros, é “unha oportunidade que nos brinda Buxán para darnos a coñecer a nivel nacional”. A exposición permanecerá aberta ata o 27 de febreiro e pode visitarse en horario de 12.00 a 14.00 h e de 19.00 a 21.00.