DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra xa está aberta ao público no Centre El Carme

"Oito_artistas.gal" completa o seu itinerario en Girona

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 16/02/2009

A exposición Oito_artistas.gal chega á súa última parada, o Centre El Carme de l’Ajuntament de Girona. O vicerreitor do campus de Pontevedra e o comisario da exposición, Xosé Manuel Buxán Bran, acudiron á cidade catalá para a inauguración da exposición.
Deste xeito, a mostra itinerante completa o seu percorrido por diversos puntos de España e Portugal. En abril a mostra botou a andar na sala de exposicións da Universidad de León. O centro de Arte Joven da Comunidad de Madrid e o espazo Maus Hábitos de Porto tiveron a oportunidade de coñecer as obras dos novos artistas galegos antes de que a mostra recalase na Sala X da Facultade de Belas Artes, anterior parada de Oito_artistas.gal.
Ignacio García Gómez del Valle, Jorge Migoya, María Blanco, Nuria Ruibal, Pablo Sande, Sonia Tourón, Tamara Feijoo e Víctor Hugo Costas son os artistas cuxas obras integran esta exposición, que pretende dar a coñece o pulo creativo e a forza e o interese da creación galega que se produce na facultade. Sen que exista unha temática común a todas as obras, a mostra recolle propostas de vídeo, debuxo, escultura, fotografía, gravado, audiovisual ou estilo libre.

Sucesora de Lancôme con grelos

Oito_artistas.gal recolleu este ano a testemuña de Lancôme con grelos, a mostra itinerante de 2007 que viaxou a Madrid e estivo tamén en Pontevedra. Para este ano, a Vicerreitoría fixo un esforzo orzamentario e organizativo para poder levar esta exposición a dúas cidades máis de España, ademais de Porto, ata completar cinco sedes expositivas.