DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A partir do 22 de xaneiro na Sala X

“Oito_artistas.gal” despídese de Porto e prepárase para visitar Pontevedra

O vicerrector do campus, Jesús Hernández, acudiu á festa de peche

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 01/12/2008

Novo punto e seguido na mostra itinerante de novos artistas saídos da Facultade de Belas Artes Oito_artistas.gal. A exposición despediuse de Porto, terceira parada do seu percorrido pola península, e xa se prepara para presentarse na Sala X da Facultade de Belas Artes o 22 de xaneiro. O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, o decano da Facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia; o comisario da exposición, Xosé Manuel Buxán; e os artistas da mostra estiveron presentes na festa celebrada con motivo do peche.
Ignacio García Gómez del Valle, Jorge Migoya, María Blanco, Nuria Ruibal, Pablo Sande, Sonia Tourón, Tamara Feijoo e Víctor Hugo están detrás deste proxecto que, comisariado polo profesor Buxán e co apoio da vicerreitoría do campus, pretende dar a coñecer o pulo creativo, forza e o interese da creación galega que se produce na facultade dándolles a oportunidade de presentarse en novos espazos expositivos peninsulares. Sen que exista unha temática común a todas as obras, a mostra está integrada por todo tipo de formatos como vídeo, debuxo, escultura, fotografía, gravado, audiovisual ou estilo libre. Os traballos falan do pensamento e da razón das cousas representadas, como na serie fotográfica de Ignacio García Gómez; o placer das formas e das sensacións de Jorge Migoya ou a insubmisión, rebeldía e plasticidade hard de Pablo Sande, Tayo. A proposta fotográfica de María Blanco pasa pola necesidade do ser humano de contos e fábulas e os retratos de Nuria Ruibal amosan metáforas da vida. Mediante os debuxos de Tamara Feijoo achegámonos ao lado máis perverso e Víctor Hugo amosa os seus xogos de cores, proporcións, multiplicación de instantáneas e recomposicións. A mostra tamén inclúe a arte corporal de Sonia Tourón, froito do seu compromiso coa propia biografía intelectual e persoal da artista e desta relación no proxecto artístico.
A mostra xa pasou pola sala de exposicións da Universidade de León, o centro de Arte Joven da Comunidade de Madrid e o espazo Maus Hábitos de Porto. Logo da súa estancia en Pontevedra, pechará percorrido no Centre El Carme de Girona, onde permanecerá do 12 de febreiro ao 10 de marzo.

José María Lillo na Sala X

Deste xeito, co novo ano comezará cunha intensa programación na Sala X onde, ata datas moi próximas á presentación de Oito_artistas.gal, o espazo expositivo acollerá a mostra Retrato dun grupo de José María Lillo. Trátase dun auténtico catálogo de expresións humanas, captadas como por azar que inclúe a sorpresa, a reflexión, a pereza ou o incertidume de homes, mulleres, vellos e novos. O pintor e profesor da Facultade de Belas Artes de Cuenca realizará a inauguración da exposición o próximo xoves, día 4, ás 20.00 h.