DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A plantación dunha árbore clausurou unha semana de actividades na EE Forestal

Unha oliveira na Xunqueira

O centro recibiu nesta xornada a visita dun grupo de estudantes do IES Auga da Laxe de Gondomar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 21/03/2014

A árbore que está presente no escudo da Universidade de Vigo forma parte desde este venres da paisaxe do campus de Pontevedra, que no Día Mundial Forestal acolleu a plantación dun exemplar desta especie no que foi o acto de clausura da semana de actividades que a Escola de Enxeñaría Forestal e a Delegación de Alumnos do centro promoveron con motivo desta efeméride. Baixo o resgardo dos paraugas, profesorado e estudantes do centro, acompañados por un grupo de alumnos do IES Auga da Laxe de Gondomar, asistiron este mediodía á chegada ao xardín situado á entrada da escola do novo habitante do campus da Xunqueira.

“Todos os anos plantamos unha árbore para conmemorar o Día Forestal Mundial e, nesta ocasión, decidimos que fose unha oliveira, xa que aquí non hai ningunha e aínda que non sexa unha especie das que entenderíamos tradicionalmente como forestal, forma parte do escudo da Universidade”, salientou o secretario da escola, Juan Picos, ao peche dun acto que serviu tamén como “bautismo forestal” para os estudantes de Bacharelato que visitaron o centro e que se animaron a coller a pa para contribuír ao asentamento da oliveira que ao longo dos próximos anos crecerá ás portas do centro.

O “enlace” medioambiental do campus

Tamén se sumou aos traballos de botar terra sobre as raíces da árbore a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, que agradeceu “o esforzo da Escola de Enxeñaría Forestal á hora de facer actividades con colexios e centros de formación profesional”. Para a vicerreitora do campus, este tipo de iniciativas, "ademais de contribuír a dar a coñecer o centro e as súas titulacións, permiten potenciar un campus no que se está desenvolvendo un proxecto medio ambiental como é o Green Campus”, a través do cal a Vicerreitoría busca converter a Pontevedra no primeiro campus con Bandeira Verde de España polas súas actuacións en materia de xestión e educación ambiental.

Neste senso, Blanco salientou que máis alá do “acto simbólico deste día, desde a Escola de Enxeñaría Forestal están traballando sempre nunha liña que concorda coa filosofía do campus, emprazado nunha zona realmente privilexiada de Pontevedra”. Por iso, a vicerreitora recoñeceu a este centro como “o enlace perfecto entre a Universidade e a cidadanía pontevedresa nas cuestións medioambientais”.

De ruta polos talleres do centro

Este Día Mundial Forestal completouse coa visita dun grupo de estudantes de 2º de Bacharaleato do IES Auga da Laxe, que acompañados polo profesorado e o persoal de administración e servizos da escola puideron coñecer os diferentes talleres e laboratorios da escola. “Con esta visita pretendíamos que o alumnado puidese ver un pouco a diversidade de carreiras que existen, máis alá das máis coñecidas”, apuntou a profesora Margarita Miramontes, que acompañou no seu periplo polo centro a un grupo de estudantes da modalidade de Ciencias da Natureza e da Saúde, que cursan ademais dúas materias moi vinculadas á actividade do centro como son Bioloxía e Centras da Terra.