DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro de ‘Master Class Augal 2010-2011’

Oliver Laxe ou como chegar a director de cine con éxito internacional

O ex-alumno de Ciencias Sociais e da Comunicación narra a súa experiencia tras o éxito acadado en Ca

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 08/02/2011

Un director de cine que volve ao seu berce co recoñecemento da crítica internacional do pasado Festival de Cannes baixo os seus brazos. Oliver Laxe visitou a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ao abeiro de Master Class Augal 2010-2011, proxecto abandeirado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e promovido polos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández. Formado en Comunicación Audiovisual no campus pontevedrés, Oliver Laxe achegou a súa propia concepción de facer cine, “de buscar internamente e de mirar as cousas como se fose a primeira vez, empregando as imaxes como ferramentas de descubrimento”, acompañado da proxección da súa primeira longametraxe que lle outorgou o prestixio internacional, Todos vós sodes capitáns.

A súa presenza serviu de referencia para o alumnado do centro, que encheron tanto o salón de graos como a sala anexa homologada para a proxección. Abalado por unha carreira vertixinosa, Laxe aconsellou aos futuros titulados que era imprescindible o traballo constante, a disciplina e “ter un pé sempre fóra da facultade, desde o comezo”. Para el é clave saír fóra de Galicia, de aí que rematara a carreira en Barcelona ou estivera de Erasmus en Londres, e aprender novos idiomas. Pero o que verdadeiramente destacou é a importancia “de ter as cousas claras”. Cando rematou a carreira sentiu que tiña que tomar unha decisión, “estancarme nalgunha produtora ou responder ás miñas necesidades persoais, de seguir formándome acadando experiencias, por iso marchei para Marrocos”, apuntou. Para el a formación académica é un mapa conceptual sobre a evolución da linguaxe e os seu autores, pero “hai que continuar o proceso por un mesmo con inadaptación, valentía, determinación, distancia e sacrificio”.

Mirada íntima e persoal

Esta decisión marcou a súa concepción particular de realizar unha peza audiovisual. Considera que cada director “debe crear o seu público, sen esperar nada de ningunha institución ou de ninguén”. Deste xeito o seu traballo defínese como moi íntimo e persoal, “froito dunha búsqueda interior, dunha reeducación da mirada”. Isto lógrase tras asumir un pensamento desinteresado e menos pragmático, “cunha posición de extrema liberdade á que cheguei despois de complicarme moito a vida”.

A partir desta concepción da esencia do cine, nace a longametraxe Todos vós sodes capitáns, a súa opera prima, que mestura ficción e documental. A película, xurde da súa experiencia nun obradoiro de cine que impartiu nun centro de acollida de nenos en Tánxer. Afástase da “estilización do drama, de amosar nenos da rúa que emigran como poden a España”, senón que se trata dunha creación comprometida co propio cine, “unha visión íntima e persoal sobre o meu traballo, feito no meu barrio e cos meus veciños”, resaltando a imaxe como valor e “como ferramenta de descubrimento”, engadiu o director. Ademais, explicou, en presenza do produtor, Felipe Laxe, que Todos vós sodes capitáns non se fixo “de maneira normal”. Como partiu dun proceso persoal do director, “todo o proceso produtivo adaptouse a min, rompendo todos os mecanismos habituais de contratación”.

As descargas, problema “irrelevante”

No transcurso da presentación xurdiu o debate sobre o panorama do cine español, no que o crítico de cine Martin Pawley, tamén presente, quixo quitarlle peso á problemática das descargas ilegais, afirmando que o principal problema atópase en que “as televisións non compran dereitos de emisión e soamente coproducen obrigados pola lexislación e en aquelas películas máis rendibles, con éxito comercial claro”, o que deriva en que non se potencie outro tipo de programación e como consecuencia, outro tipo de público. Pola súa banda Miguel Anxo Fernández destacou “o auto-odio” que se sente polo propio cine español, motivado en moitos casos “por guións pensados para a televisión e por unha falta de formación que permita diferenciar entre cine cultural e industrial”, subliñou. Chegaron á conclusión de que a produción de cine español debería achegarse á concepción francesa, onde teñen establecido que unha porcentaxe da recadación acadada por producións foráneas vaia para as produción francesas, financiando deste xeito a creación autóctona e de calidade.

A seguinte cita con AUGAL 2010-2011 está prevista para o 15 de marzo coa proxección do filme de ficción 18 comidas e contarase coa presenza do seu director Jorge Coira e máis da produtora Fernanda del Nido.