DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia promovida pola Cátedra Jean Monnet ‘Institucións Europeas e Cidadáns’

Unha ollada ao pasado, presente e futuro da unión no Día de Europa

O relatorio do profesor Carlos Pereira Menaut viuse precedido por un coloquio sobre a AECT Río Miño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 09/05/2023

“A idea orixinaria da Unión Europea non hoxe é menos necesaria que antes. Outra cousa é como se está a executar na práctica”, sostivo o profesor ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Carlos Pereira Menaut na conferencia que este martes impartía na sede da Vicerreitoría do campus con motivo do Día de Europa. Co gallo desta conmemoración, a Cátedra Jean Monnet Institucións Europeas e Cidadáns, que dirixe o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, promoveu un coloquio con este catedrático de Dereito Constitucional, que puxo o foco tanto na traxectoria da UE como no seu futuro, mais tamén no propio momento que atravesa. 

De feito, Pereira Menaut buscou en primeiro termo xerar unha reflexión “sobre a situación actual" da UE, nunha conferencia titulada A Unión Europea: entre o federalismo e o populismo, que foi presentada por Cancela e que puido seguirse tamén de xeito virtual, a través das plataformas da Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus). Este coloquio forma parte das actividades dunha cátedra financiada pola Comisión Europea que pon o foco nos efectos da dixitalización na UE, na que se insire tamén o obradoiro sobre a UE que este luns levou á Facultade de Dirección e Xestión Pública ao secretario técnico da AECT Río Miño, Lois Pérez Castrillo.

“Un xigante económico, un anano político e militar”

Partindo do “arriscado” de tratar de analizar o momento presente, de “xulgar a herba que está escorregando baixo os nosos pés”, Pereira Menaut buscou pór o foco nos aspectos que definen a día de hoxe unha unión cuxa historia "acelerouse moito” nas últimas décadas. Nese senso, o conferenciante lembrou en primeiro termo que a UE de 2023 non é a que “sae da mente dos pais fundadores”, nin tampouco a do “intento constitucional de 2005”, nin a que “sae da crise de 2008 ou da covid-19”... Feitos aínda máis recentes, como o Brexit ou a guerra en Ucraína levaron tamén ao catedrático a propor unha reflexión respecto “de en que medida nos temos afastado ou non do proxecto europeo”. Fíxoo, partindo da visión de que “a idea orixinaria da UE como tal segue vixente” e que esta é unha institución “sen dúbida necesaria” nun contexto no que “os estados están superados, igual non en todo, pero si en parte”. 

Non obstante, Pereira Menaut cuestionou se “precisamos que a Unión Europea regule os litros de leite e, ao mesmo tempo, non sexa capaz de lidar co tema dos refuxiados” coa idea de debater sobre se a UE está a responder a algunhas que motivaron a súa creación, como garantir a paz ou preservar a cultura europea. Isto levouno á súa vez a lembrar a definición da unión como “un xigante económico e un anano político e militar” e incidir na necesidade de que, alén do seu papel regulador en múltiples eidos, sería preciso “fixarnos máis” nas cuestións que motivaron a súa creación, como contribuír “á paz en Europa, que para iso naceu”. 

Mirando cara o futuro, o catedrático de Dereito Constitucional avogou polo impulso do federalismo, partindo de que este é un termo “con varias lecturas”, e da propia natureza “híbrida” da Unión Europea, na que existen xa ao seu xuízo elementos federais, pero tamén confederais, á vez que “segue tendo moito de internacional”. 

A UE desde unha perspectiva próxima

Esta actividade conmemorativa do Día de Europea viuse precedida este luns por outra das iniciativas impulsadas pola Cátedra Jean Monnet, un obradoiro dirixido a achegar o alumnado de Dirección e Xestión Pública as “experiencias profesionais” de persoas que, desde Galicia, teñen nas políticas e normativas comunitarias o eixe do seu labor. Despois dunha primeira sesión protagonizada polo subdirector xeral de Análise e Programación da Dirección Xeral de Exteriores e Relacións coa Unión Europea da Xunta de Galicia, José Manuel Blanco, o seminario contou desta volta coa participación do exalcalde de Vigo Lois Pérez Castrillo, responsable do secretariado técnico da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño. Constituída en 2018 e integrada pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, unha das liñas de acción desta AECT é precisamente a captación de financiamento europeo para o impulso de diferentes proxectos a través da “cooperación e colaboración”, como explicou, dos municipios do sur de Pontevedra e norte de Portugal. Nese senso, o propósito da súa intervención foi achegar ao alumnado unha serie de “exemplos concretos” de actuacións promovidas con fondos comunitarios, como impulsar a mobilidade eléctrica, xerar un “anel verde de sendas transfronteirizas” ou o impulso de actividades culturais. Deste xeito, Pérez Castrillo buscaba amosar os fondos europeos como os fondos europeos “se aplican ao territorio”, contribuíndo a “xerar unha identidade transfronteiriza que permita, ademais do desenvolvemento local, que a fronteira, que sempre foi unha interrupción, se converta nunha oportunidade”.