DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Colexio de Economistas de Ourense celebrou un faladoiro virtual sobre este tema

Unha ollada desde a economía á crise provocada pola COVID-19

Contou coa participación, entre outros, do profesor do campus Alberto Vaquero

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 11/06/2020

Este mércores celebrouse o primeiro faladoiro virtual do Colexio de Economistas de Ourense, no que participaron Alberto Vaquero, profesor titular e secretario da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense; Rocío de Frutos, directora provincial do INSS de Ourense; Felipe Ferreiro, presidente de Cruz Vermella de Ourense; Miguel Ángel Vázquez, presidente do Consello Galego de Economistas, e María del Carmen Sampayo, decana-presidenta dos economistas ourensáns. Durante a actividade, coordinada por Susana Díaz, xerenta do Colexio de Economistas de Ourense, as e os participantes abordaron a situación económica post-COVID, sinalando os aspectos que ao seu xuízo deben ser tidos en conta á hora de aplicar medidas tendentes a mellorar o escenario actual. 

Alberto Vaquero, investigador do Grupo Gen (Governance and Economic Research), sinalou “a importancia de apostar polo papel do sector público para paliar os problemas económicos que supón esta pandemia, a necesidade de mellorar o noso mercado de traballo e o que supón o aumento da pobreza e a desigualdade”. Ademais falou da forte incerteza presente na familias e empresas polo futuro máis próximo e como a crise vai a ser a “distintas velocidades, dependendo dos sectores económicos”. Polo que respecta ao teletraballo, o profesor da Universidade de Vigo indicou que “resulta necesario acadar un teletraballo digno, evitando a precarización das actividades e a perda dos dereitos fundamentais dos traballadores”. Tamén se referiu, como co-director da Rede Localis, ás oportunidade que se abre para o rural e á necesidade de non acometer actuacións económicas de emerxencia, “debendo priorizar o importante sobre o urxente e evitando que se aproveite esta última crise para tomar medidas que perxudiquen aos traballadores ou ás empresas”.