DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca universitaria acolle unha exposición do Museo do Pobo Galego

Unha ollada etnográfica e “entre amigos” á cultura galega

A iniciativa enmárcase dentro da celebración do Outono Fotográfico en Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 13/11/2012

Cada dous anos o Museo do Pobo Galego convoca entre os seus socios e socias un concurso fotográfico no que o eixo temático central é a antropoloxía. Ata o vindeiro 23 de novembro, na Biblioteca universitaria do campus de Ourense, pódese ver unha escolma das imaxes presentadas á VI e última edición deste certame. Trátase de 30 imaxes, realizadas por afeccionados e profesionais da fotografía, que ofrecen unha visión poliédrica de diferentes aspectos da cultura galega, desde o estado do seu patrimonio ata o traballo dos seus antropólogos no exterior.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Francisco Fariña Busto, presidente da xunta reitora do Museo do Pobo Galego, e Fátima Braña, comisaria da exposición, foron os encargados de inaugurar este martes a mostra, que leva por título Entre amigos: exposición de fotografía etnográfica dos socios e socias do Museo do Pobo Galego. “Esta mostra é unha oportunidade para valorizar o que é noso, a nosa tradición e o noso percorrido antropolóxico, a través do rexistro que fan os socios e socias do museo da realidade que vivimos”, destacou María Lameiras durante a inauguración da iniciativa.

Anacos da vida cotiá

Segundo explicou Fariña Busto, Entre amigos é unha convocatoria bianual na que participan os socios do Museo do Pobo Galego, afeccionados ou profesionais da fotografía, presentando unha serie fotográfica de temática antropolóxica pero na que tamén se fai fincapé na calidade artística das pezas, na fotografía como documento, na denuncia da degradación do patrimonio cultural, na relación de Galicia con outras comunidades ou no traballo dos antropólogos galegos noutras xeografías. "Como museo queremos compartir e divulgar estes traballos coa sociedade e vivificalos", destacou.

Para esta exposición, apuntou Fátima Braña, seleccionáronse as propostas de 14 socios e socias e un total de 30 imaxes que nos ofrecen “unha visión poliédrica de diferentes aspectos da cultura galega, desde a privacidade dos obxectos antigos da casa ata a celebración dos Maios e desde os aparellos de pesca construídos con plástico ata os sinais do uso pastoril dos estantes da montaña ourensá”. As mudanzas de obxectos e os procesos de traballo e de festa, apuntou, teñen un protagonismo especial na mostra que xa ocupa a entrada da Biblioteca universitaria. “Son, en definitiva, escenas da vida cotiá dos socios do Museo do Pobo Galego que son tamén escenas da nosa cultura galega”, subliñou a docente do campus de Ourense.

A exposición, aberta a todo o público interesado, é unha das seis que os edificios do campus de Ourense acollen ata o Nadal no marco da celebración do Outono Fotográfico, a cita de referencia neste eido na provincia e que na súa 30 edición conta con 114 mostras de 471 creadores e coa participación de 34 institucións.