DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As rutas culturais achegaranse a este espectacular enclave natural o día 16 de febreiro

Unha ollada á Ribeira Sacra pero desde o lado lucense

Arredor dun cento de persoas participarán na sexta andaina organizada polo Servizo de Deportes

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 07/02/2013

Á hora de coñecer Ourense a Ribeira Sacra é unha parada obrigatoria para calquera persoa. Sen embargo, este enclave natural non só abrangue terras ourensás senón tamén da provincia de Lugo. A sexta ruta cultural do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo achegarase o vindeiro 16 de febreiro a coñecer a Ribeira Sacra precisamente desde esa vertente lucense. Arredor dun cento de participantes terán a oportunidade de descubrir por primeira vez ou redescubrir a beleza do discorrer do río Sil entre as montañas da zona.

O itinerario, de dificultade media-alta e 18 quilómetros de distancia, transcorrerá por O Arronxó, Muíños Xabrega, Miradoiro de Santa Cristina, Barantes de Abaixo, Miradoiro de Satiorxo e Pinal de Abaixo. “A novidade nesta ocasión é que veremos unha perspectiva da Ribeira Sacra nova para nós, máis acostumados a contemplala desde a banda ourensá. A ruta terá un inicio suave e despois dun par de quilómetros de baixada descubriremos, ao carón do río, o conxunto de muíños hidráulicos recuperados dos Chancís. Abandonaremos logo esta paisaxe para ir gañando cota e remontar montaña arriba descubrindo varios dos miradoiros máis espectaculares da zona, incluído o recentemente inaugurado miradoiro de Bolmente, feito pola arquitecta Isabel Aguirre”, destaca José García-Calvo Willy, coordinador dos roteiros.

Un anticipo en imaxes no blog

Con este percorrido pola Ribeira Sacra os organizadores da andaina salientan que máis que nunca os participantes non deben esquecer a cámara de fotos na casa, pois a paisaxe que poderán ver será espectacular. Como anticipo, no blog das rutas culturais está publicado un audiovisual realizado coas imaxes realizadas na preparación do roteiro. “Alén do valor paisaxístico e natural da zona, esta ruta tamén ten a característica de que vamos fóra das provincias nas que está radicada a Universidade de Vigo, cumprindo o obxectivo que nos marcamos na programación deste ano de achegarnos a zonas afastadas da nosa contorna máis próxima”, apunta José García-Calvo.

Como en anteriores ocasións, poden inscribirse nesta andaina persoas da comunidade universitaria e de fóra dela, cun custe de 10 euros para o primeiro colectivo e de 15 para o segundo. As saídas serán ás 09.00 horas dende Ourense na cafetaría Bekas, ao lado do campus; en Pontevedra nas proximidades do Cafetín da Alameda; e en Vigo na antiga Reitoría da rúa do Areal, estando previsto o regreso a media tarde. Os inscritos deberán levar a súa propia comida e o equipo aconsellable para este tipo de actividades de deporte ao aire libre.