DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza a "Semana do Cinema Documental", organizada polo Cineclube Padre Feijóo

Unha ollada á situación actual da produción audiovisual e dos documentais no mundo

A Vicerreitoría do campus apoia a iniciativa xunto co Concello, a Xunta e a Deputación

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 01/12/2009
Botar unha ollada a tipoloxías moi distintas do xénero documental, dende a parte máis popular ata a exploración fílmica dos límites entre a realidade e a reconstrución ficcionada, é o obxectivo da Semana do Cinema Documental, unha iniciativa organizada polo Cineclube Padre Feijóo co apoio da Vicerreitoría do campus, que se desenvolve ao longo de toda esta semana con proxeccións no Cinebox. A actividade inclúe o pase de tres películas: Sicko, dirixida por Michael Moore no ano 2007, a española Una cierta verdad, de Abel García (2008) e Man on Wire, de James Marsh (2008). O ciclo inclúe tamén unha clase maxistral sobre Inscribir o real: a propósito do texto documental, a cargo de Antía López, profesora de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Santiago de Compostela.

Dende o sistema sanitario estadounidense ata o delito artístico do século

O Ciclo de Cinema Documental bota a andar hoxe coa proxección de Sicko, un filme no que Michael Moore pon o seu punto de mira no sistema sanitario estadounidense, de xestión privada e rexido por empresas aseguradoras. O director compara a situación dos enfermos en EEUU coa dalgúns países en Europa e América Latina e revela que, mentres que para un cidadán americano rachar un óso pode ser motivo de ruína económica, en moitos outros países os gobernos axudan aos seus cidadáns con distintos métodos.
O ciclo continúa este mércores 2 de decembro co pase de Unha certa verdade, un filme no que o español Abel García amosa as vidas de cinco persoas nun hospital de saúde mental e remata o día 3 de decembro con Man on Wire, un filme dirixido por James Marsh no ano 2008 sobre a historia do mozo francés Philippe Petit, que o 7 de agosto do ano 1974 camiñou por un cabo colgado ilegalmente entre as Torres Xemelgas de Nova York, daquela os edificios máis altos do mundo.

Clase maxistral sobre Inscribir o real: a propósito do texto documental

A última actividade da Semana do Cinema Documental terá lugar o venres, 4 de decembro, no Centro Cultural da Deputación e consistirá nunha clase maxistral sobre Inscribir o real: a propósito do texto documental a cargo de Antía López, profesora de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. A conferencia vai consistir na análise de varios documentais e das súas diferentes maneiras de ver e de enfocar as súas propostas. Abordarase a análise de filmes como Close Up (Abbas Kiarostami, 1990), Salvador Allende (Patricio Guzmán, 2004), En construción (José Luis Guerín, 2001), Boa Vista Social Club (Wen Wenders, 1998) e A ponte (Joris Ivens, 1928), co obxectivo de coñecer cal é a situación actual da produción audiovisual e dos documentais do mundo.
As proxeccións dos documentais terán lugar no Cinebox ás 20.30 e ás 23.00 horas e a entrada custa 4 euros (3 euros con carné universitario). A clase maxistral de Antía López será no Centro Cultural da Deputación ás 20.00 horas e a entrada é gratuíta.