DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Campaña de concienciación sobre a privacidade no mundo virtual

Ollo coa xestión da información persoal nas redes sociais!

Promovida polo grupo Pont-e, formado por alumnado de Publicidade e Relacións Públicas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 24/02/2011

Ata que punto somos conscientes do uso dos nosos datos privados cando os compartimos nunha rede social? A esta cuestión quere dar resposta o alumnado de cuarto de Publicidade e Relacións Públicas, a través de Pont-e, un grupo social con “sede” en Facebook que naceu hai dous anos cunha vocación social e profesional e que conta con máis de tres mil seguidores. Coa realización dunha serie de entrevistas aos estudantes do campus e a posterior celebración dunha gala de entrega de premios, Oscars 2.0, revelouse que “a maioría asume as redes sociais como un espazo de privacidade, afastado dos seus maiores e non son conscientes de que o mundo virtual é o lugar máis público que existe”, explicou Isabel Suárez, profesora responsable da materia Deseño publicitario e multimedia que acolle esta actividade.

Dunha forma lúdica, o grupo Pont-e pretende levar a cabo unha campaña para que todos os usuarios das redes sociais reflexionen sobre o uso que realizan delas e sobre todo, do percorrido que realiza e a que mans vai parar a información persoal que 'colgan' no mundo virtual. Como explica a profesora Isabel Suárez, tras o visionado das entrevistas, “moitos non ven máis aló e non se dan conta de que os datos na rede deixan unha pegada dixital e hai empresas que viven diso, mediante o seu uso e procesamento”.

Desde Pont-e vén invitan a “que se preocupen polas condicións de privacidade das súas contas e dos posibles usos que poidan facer dos datos”, subliñou Diego Cereigido, actual coordinador do grupo ao que a profesora Suárez engadiu que “polo menos o 90% dos usuarios non len as políticas de privacidade, non saben calibrar ata que punto todo o que se comparte pode ser empregado por terceiros e incluso nas configuracións da súa propia conta non entenden ben quen pode subir fotos de un, quen pode ver os datos persoais ou quen pode etiquetar".

Promoción do grupo Pont-e

Con reparto de flocos de millo incluído, a gala Oscar 2.0, que contou cunha grande afluencia de público, entregou tres premios entre a comunidade universitaria do campus que durante a semana fora sometido a entrevistas para coñecer o uso que fan das redes sociais. Unha vez entregados estes tres premios, “ao máis charlatán, ao máis gracioso e ao máis atinado”, tamén se proxcectou un spot publicitario para promocionar Pont-e “como un grupo no que todo o mundo é benvido, un espazo de debate sobre relacións públicas 2.0 e comunicación en xeral, un punto de encontro estupendo para manter relacións de amizade con todo o planeta, desde Alemania, ata San Marino pasando por Brasil”, comenta Suárez.

Enfoque profesional

Pero a docente quere deixar claro que non é soamente unha actividade lúdica “para pasar un bo rato”, quere ir máis aló, destacando o enfoque profesional que ofrece Pont-e aos seus alumnos e alumnas. “As actividades académicas deben estar ao tanto do que está a suceder no mundo exterior da facultade e o certo é que debemos formar a profesionais en relacións públicas 2.0 porque é a realidade do momento, xa que o público está nas redes sociais e empresas, institucións e organismos irán na súa procura”, apuntou. En definitiva, trátase de aproximar “as universidades ás demandas do tecido social e empresarial e por riba pasándoo ben”.