DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As propostas poderán entregarse ata o 15 de marzo

A OMA implícase na celebración do Día da Árbore premiando o mellor deseño dun espazo verde no campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 26/02/2010
O respecto ao medio natural e á biodiversidade así como a conciencia colectiva da necesidade de protexer a masa forestal do planeta están detrás da celebración do Día da Árbore o vindeiro 21 de marzo. A Universidade, a través da súa Oficina de Medio Ambiente, únese este ano á celebración coa organización do concurso Deseña en Verde, de xeito que, ademais de divulgar a necesidade de protexer a especies vexetais, tamén involucra á comunidade universidade de forma activa nas actividades centrándose nas posibilidade que ofrece o propio campus de Vigo.
O obxectivo do certame é deseñar unha plantación nun espazo verde do campus, fomentando non só o respecto polo medio natural senón o coñecemento da propia contorna que, por ser espazo habitual de traballo ou estudo, non é o suficientemente recoñecida polo seu valor paisaxístico e natural.
Os interesados en participar poden presentar as súas propostas ata o 15 de marzo tanto en formato dixital, como cun maqueta, fotomontaxe ou debuxo, sempre que sexa acompañado dunha memoria explicativa na que se detallen tanto as especies como a localización da zona, o mobiliario necesario ou o número de árbores. A proposta gañadora será levada á práctica coa colaboración da OMA e do Servizo de Xardinería.

A importancia da contorna

O campus vigués polas peculiaridades orográficos do terreo no que se asenta e por estar situado no monte, tenta estar con harmonía coa contorna de xeito que edificacións e natureza vaian da man evitando choques paisaxísticos. Por este motivo e polas grandes posibilidades que ofrece o terreo, o campus de Vigo é o obxectivo deste concurso. Nel poderá participar calquera membro da comunidade universitaria, sempre que a actuación se axustes ás zonas propostas, non empregue especies exóticas invasoras, os materiais non desprendan substancias nocivas para o medio natural e non implique a modificación nin a interrupción dos accesos e pasos de peóns.
O xurado, que estará composto por membros da OMA e do Servizo de Xardinería valorará positivamente tanto o uso de especies autóctonas e adecuadas ao solo, á orientación do terreo ou ao microclima como, no caso de incluír mobiliario urbano, que este se integra na contorna. Ademais teranse en conta todas aquelas accións respectuosas coa biodiversidade e cuxo deseño esixa menor gasto en mantemento e en consumo de auga.
Todos os participantes recibirán un premio, mentres que o gañador recibirá unha cámara dixital e o segundo clasificado un reprodutor de música de última xeración.
As zonas habilitadas para os deseños son a rotonda do Edificio de Ciencias Experimentais, as lágrimas que se atopan nos arredores deste mesmo centro, a entrada da Residencia O Castro, o aparcamento da Biblioteca Universitaria, a zona deportiva, o terreo que se atopa fronte á parada de autobús de Ciencias Económicas e Empresariais e o lateral da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación e da ETS de Enxeñaría de Minas.

Outras actividades

Amais do concurso e xa coincidindo coa celebración do Día da Árbore, a OMA organizará o día 22 de marzo un xornada con diversas actividades como a plantación de árbores, diversos obradoiros e a entrega dos premios aos autores dos deseños elixidos.