DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A OMA retoma a campaña de coche compartido con doce traxectos dispoñibles

Co obxectivo de reducir a presenza de vehículos no campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/01/2010

Baixo o lema Cheo, por favor! a Universidade pon en marcha unha nova edición da campaña de coche compartido, unha iniciativa que xa tivo un primeiro impulso no ano 2006 da man do Tribunal de Garantías e coa que se pretende reducir o número de vehículos que se desprazan aos distintos campus.
As enquisas realizadas pola Oficina de Medio Ambiente, OMA, durante o Día Mundial Sen Coches puxeron de manifesto que un gran número de persoas usan os vehículos privados para desprazarse cara aos campus diariamente, sobre todo no caso de Vigo.Os resultados reflicten unha alta porcentaxe de persoas que viaxan soas, “se ben, tamén amosan que a maioría dos usuarios estaría disposta a compartir coche durante o traxecto aos centros”, subliñaron as técnicas da OMA, Carmen González-Vallés e Marta Pérez.
A campaña relaciona aos participantes consonte dous criterios esenciais, hora de traslados e punto de orixe, a fin de facer coincidir itinerarios similares. En total hai xa arredor de doce rutas dispoñibles “pero isto non é algo estático, senón que a base se vai actualizando en función dos itinerarios que propoñen os propios interesados”, sinala Pérez.
A maioría parten de diferentes puntos da cidade (avda. Buenos Aires, rúa Julia Minguillón, Rosalía de Castro, zona Corte Inglés...), pero xa están dispoñibles tamén outras zonas da área metropolitana como Santa Cristina de Cobres en Vilaboa, Pontellas en Porriño ou o Alto de Mos, así como traxectos máis longos que parten de cidades como Ourense ou Santiago de Compostela.

Vantaxes e incentivos

Ademais das indubidables vantaxes relacionadas coa redución da contaminación -se tan só se reducise un 10 por cento o número de vehículos cun só ocupante suprimiríanse 520 toneladas de CO2 equivalente- desde a OMA faise tamén fincapé no aforro que pode supor para os usuarios participar no programa, así como na excelente oportunidade que supón para coñecer xente nova e tamén para descansar “pois é un alivio poder alternar na condución”.
Dirixido tamén a incentivar aos posibles usuarios que non acaben de decidirse e a modo de premio para os usuarios máis fieis, a OMA ten previsto a realización entre os participantes dun sorteo periódico dunha tarxeta de carburante. “Trátase dunha pequena medida para recoñecerlles o seu esforzo pero non vai ser a única e estamos barallando xa outras ideas nesta mesma liña”, subliñou González-Vallés.

Un servizo aberto a persoas sen vehículo

Calquera persoa interesada, con ou sen vehículo, pode darse de alta no servizo, o único requisito é encher os datos persoais e de contacto no formulario que hai dispoñible na páxina da OMA no que se recollen os lugares de partida, puntos polos que se adoita pasar e horarios. “Son datos clave para que poidamos saber se hai máis persoas que parten do mesmo sitio ou si se atopan nalgún dos puntos intermedios”, indicaron desde a OMA.