DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sesión aprobouse a participación da Universidade en tres centros tecnolóxicos

Once graos e dez másters oficiais reciben o visto e prace do Consello de Goberno

Luz verde ao plan de desgravacións docentes no POD do vindeiro curso

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/11/2008

Enxeñaría informática, Xeografía e historia, Dereito, Publicidade e relacións públicas, Dirección en xestión pública, Comunicación audiovisual, Fisioterapia, Bioloxía, Ciencias do Mar, Química e Relacións laborais e recursos humanos, son os once títulos de grao sobre os que deberá pronunciarse o Consello de Universidades, unha vez que foron aprobados polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo. Os 11 graos, aos que en próximas datas sumaranse outros 13, ata completar os 24 que entrarían en vigor o vindeiro curso, recibiron antes de chegar ao Consello de Goberno informes favorables, aínda que con reservas referidas a cuestións como a personalización dos perfís dos docentes ou á asignación de créditos de formación básica a materias.
Finalizado o intercambio de opinións e explicacións entre algúns dos decanos dos centros nos que se impartirán este graos e a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, o Consello procedeu a votar por asentimento a proposta formulada por Carmen García Mateo na que se recollía a aprobación dos novos graos, así como a inclusión no caso do grao en Química dunha táboa de asignación de créditos de formación básica ás materias, así como o carácter obrigatorio das prácticas ou a posibilidade de corrixir erros que se produzan na redacción das memorias dos graos. Unha vez aprobados polo Consello de Goberno “agora será o Consello de Universidades”, sinalou a vicerreitoría Carmen García Mateo, “quen dará o pistoletazo de saída para iniciar o proceso que comezou no caso destes graos no mes de abril coa elaboración dos plans de estudo, a súa posterior exposición pública e a revisión técnica por parte de dez avaliadores”.
Pero non foron os novos graos as únicas titulacións ás que hoxe deu luz verde o Consello de Goberno que tamén aprobou dez másters para o vindeiro curso, vinculados a seis centros. Trátase dos másters oficiais de carácter profesionalizante de: Análise dos procesos de auditoría dos estados financeiros; Información técnica do medicamento; Libro ilustrado e animación audiovisual; Economía, avaliación e xestión do medio mariño e os recursos pesqueiros; Innovación industrial e optimización de procesos; Finanzas; Tecnoloxías para a protección do patrimonio cultural inmoble; Contaminación industrial: avaliación, prevención e control; Enxeñaría de proxectos de deseño, desenvolvemento e fabricación industrial e Dirección e xestión da loxística ea cadea de subministro.

Participación da Universidade en centros téxtiles, de autonomía persoal e lácteos

A participación da Universidade de Vigo na Fundación do Centro Tecnolóxico Téxtil, no Centro de Innovación Tecnolóxica para a Autonomía Persoal e os Colectivos Dependentes e no Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia, foron outros acordos aprobados polo Consello de Goberno.
A contribución ao fortalecemento, potenciación, crecemento e avance da competitividade no ámbito das tecnoloxías da cadea téxtil, confección, moda mediante o logro da excelencia na investigación e no desenvolvemento tecnolóxico, é o obxecto da Fundación Centro Tecnolóxico Téxtil. Cunha dotación fundacional de 24.000 euros, o padroado da fundación estará composto por representantes do sector empresarial, da Xunta de Galicia e das tres universidades galegas.
Pola súa banda o Centro de Innovación Tecnolóxica para a Autonomía Persoal dos Maiores e os Colectivos Dependentes, ASISTA, ten como obxecto a contribución á investigación, a innovación e o desenvolvemento de novas tecnoloxías que faciliten a calidade de vida dos colectivos dependentes, así como a transmisión do coñecemento xerado a todos os ámbitos da sociedade. Neste caso a padroado conta con representación da Vicepresidencia da Igualdade, Consellería de Sanidade, Consellería de Innovación e as tres universidade galegas. Tanto neste caso como no da Fundación Centro Tecnolóxico Téxtil a representación da Universidade de Vigo corresponderá ao vicerreitor de Planficación, José Cidrás.
No caso da Fundación Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia a súa finalidade é a de contribuír ao fortalecemento, potenciación e crecemento da competitividade na industria agroalimentaria en xeral, e lácteo, en particular de Galicia, como un dos sectores estratéxicos do país, mediante a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. Xunto a Lorenzo Pastrana, en representación da Universidade de Vigo, a padroado da fundación está integrado por representantes da Consellería de Medio Rural, Innovación, Instituto Galego de Calidade Alimentaria, Universidade de Santiago e dez patróns designados polo padroado a proposta do Consello Empresarial.
Ademais o Consello de Goberno aprobou a participación da Universidade na Fundación Vigo Convention Bureau que ten como obxectivo a captación de congresos, convencións e viaxes de incentivo para a cidade de Vigo.

Desgravacións docentes no POD, tese en réxime de cotutela e quinquenios

Na sesión ordinaria celebrada hoxe, o Consello de Goberno aprobou o procedemento para a realización de teses de doutoramento en réxime de cotutela o que implica unha dirección conxunta do traballo destinado á obtención do título de doutor, por parte de investigadores da Universidade de Vigo e doutra universidade estranxeira ou organismo de investigación. Un procedemento que permitirá, segundo apunto a vicerreitora Carmen García Mateo “favorecer a mobilidade de estudantes de doutoramento e posibilitar a colaboración entre grupos de investigación”.
Con algunhas novidades respecto a plans anteriores, o Consello de Goberno aprobou as desgravacións docentes no POD para o vindeiro curso. Unha vez que Nova Universidade deixou clara a súa intención de votar en contra dun plan que segundo sinalou Francisco Javier Berrocal “non recoñece o traballo desenvolvido nos programas de doutoramento”, o debate centrouse na posibilidade de flexibilizar a desgravación do decanos, formulada polo Luís Muñoz, decano de Químicas. Finalmente por 27 votos a favor, 4 en contra e 5 abstencións, aprobouse o plan de desgravación proposto ao que se lle engadiu que a desgravación dos decanos non sexa fixa, senón que teñan a posibilidade de flexibilizar.
A revisión dun apartado do artigo 2 do procedemento de avaliación de solicitudes de quinquenios, recibiu tamén o respaldo maioritario do Consello de Goberno, no sen que antes o presidente da Xunta de PDI, Camilo Vázquez, solicitase a retirada do punto da orde do día demandando ao equipo de goberno a apertura dun proceso de negociación conducente a desvincular da concesión de quinenios as enquisas de avaliación docente. Ante esta proposta o reitor, Alberto Gago, afirmou que “é posible discutir como se teñen en conta as enquisas, pero o que non se pode suscitar é que se eliminen”. Finalmente a proposta do equipo de goberno foi aprobada coa advertencia do reitor de que “o debate é perentorio e o haberá”.
Ademais o Consello acordou o nomeamento dun responsable da oficina de software libre que para atender a divulgación do software libre poñerase en funcionamento no Campus de Ourense.