DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Das ondas do mar á neve, da man do Prado Surf Club

Organiza tres viaxes a Valgrande Pajares con prazas reservadas para a comunidade universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 03/12/2010
Son moitos os habituais da táboa de surf que durante os meses de inverno a cambian pola de snowboard ou polos esquís. Por este motivo o Prado Surf Club, habitual colaborar do Servizo de Deportes en diferentes actividades, organiza tres viaxes á neve con prazas reservadas para a comunidade universitaria.

O destino será Valgrande Pajares, en Asturias, onde poderán gozar de tres días de deportes de neve, sendo a primeira saída o vindeiro día 17 e ata o 19 de decembro. A cooperación do club coa Universidade tradúcese na reserva alumnado, profesorado e PAS de 20 prazas en cada unha das viaxes, 10 para o campus de Vigo e 5 para os campus de Ourense e Pontevedra. A matrícula nesta primeira quenda permanecerá aberta ata o vindeiro día 10 podéndose realizar en persoa, por teléfono ou por correo electrónico no Servizo de Deportes dos tres campus.

Programa de viaxe e prezos

As viaxes inclúen desprazamento dende Vigo, Nigrán e Ourense, réxime de pensión completa con cea o venres, almorzo, xantar e cea o sábado e o domingo, almorzo e xantar. O aloxamento será a pé de pistas coa posibilidade de elixir entre albergue ou hotel e no prezo entra tamén o material de esquí ou snowboard durante sábado e domingo, forfait de acceso ás pistas e clases de esquí ou snowboard durante 2 horas por día. A cota de matrícula depende da modalidade de deporte que se elixa, sendo o pack de esquí de 229€ e o de snowboard de 239€. Con todo, aquelas persoas que dispoñan de material propio poderán ver rebaixado o prezo ata os 204€ e haberá prezos especiais para aqueles que non queiran recibir clases ou desexen aloxarse en habitación dobre.

Tanto nesta primeira viaxe como as que terán lugar do 11 ao 13 de febreiro (inscrición ata o 4 de febreiro) e do 18 ao 20 de marzo (inscrición ata o 11 de marzo), as saídas realizaranse o venres ás 14.00 horas dende o Instituto Santa Irene na Praza de América en Vigo, con parada ás 14.30 horas na sede de Prado Surf Escola na Praia de Patos en Nigrán e unha segunda parada ás 16.00 horas en Ourense. A chegada á estación será ás 21:00 horas e o regreso será o domingo ao peche de pistas, ás 17.00 horas, con chegada a Ourense ás 22.00 horas, a Nigrán ás 23.30 horas e a Vigo ás 24.00 horas.

Unha estación con 22 quilómetros de pista

A estación de Valgrande Pajares está situada en Lena, Asturias e conta con 22 quilómetros de pistas de esquí e 7 quilómetros máis para esquí de fondo, entre os 1430 e os 1890 metros, cun desnivel de 460 metros. En total, os matriculados poderán gozar de 36 pistas e contan con 90 canóns de neve artificial, 5 quilómetros de pistas innivadas, 10 remontes con 5 telesillas e 5 telesquíes e unha capacidade total para 9500 pasaxeiros/hora. Ademais, a estación conta con dúas cafeterías e un restaurante o a posibilidade de practicar esquí nocturno e snowpark.