DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As ondas da praia de Patos agardan á comunidade universitaria para o Bautismo de Surf

Os interesados en participar deberán inscribirse antes do vindeiro día 16 deste mes

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 08/11/2010
Cunha primeira xornada especialmente destinada ao alumnado Erasmus, o vindeiro 21 de novembro dará comezo na praia de Patos o programa Bautismo de Surf, que o Servizo de Deportes do campus de Vigo organiza en colaboración con Prado Surf Escola. Con esta actividade, que todos anos goza de moi boa acollida, os membros da comunidade universitaria teñen a oportunidade de achegarse á teoría e á práctica deste deporte da man de monitores especialmente cualificados para impartir clases personalizadas, posto que haberá un monitor por cada cinco alumnos.

Na primeira parte da sesión ofrecerase unha explicación teórica na que se instruirá sobre o material a utilizar, as normas básicas de seguridade na auga e a importancia do quecemento muscular e do estiramento. Xa na segunda hora da clase, as ondas esperan aos surfeiros e surfeiras para unha primeira toma de contacto coa remada e para a práctica do stand up.

A inscrición deberá formalizarse antes do día 16 de novembro

As persoas interesadas en tomar parte no Bautismo de Surf deberán acudir ás instalacións coas que o Servizo de Deportes conta nos tres campus para formalizar a inscrición antes do vindeiro 16 deste mes. A matrícula terá un custo de dous euros e inclúe o préstamo da táboa de surf, o neopreno e a licra, así como un seguro de responsabilidade civil e accidentes.

Ademais da sesión inicial, na que a metade das prazas están resevadas para os estudantes estranxeiros, os interesados dispoñen dunha segunda xornada prevista para o día 28 deste mes. Nas dúas ocasións, a actividade desenvolverase entre as catro e as seis da tarde na praia de Patos, en Nigrán.