DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro da programación da Intercultural para este outono

Onde están as autoras no cine documental de autor?

Ourense amosa as voces de muller no panorama cinematográfico

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
M. Del Río DUVI 17/11/2010
O cine de autor, respectado por fiel aos seus principios e non venderse á industria cinematográfica, é sempre precisamente iso, de autor, en masculino. Pero esta designación lingüística non se corresponde coa realidade, como queren poñer de manifesto as propias directoras no Ciclo de cine documental de autora que este martes botou a andar en Ourense no marco da programación da Intercultural. Ao longo de catro xornadas, as vindeiras mañá xoves e os 23 e 25 deste mes, daranse cita no campus algunhas das máis representativas autoras e actrices do cine documental galego para presentar as súas obras e debater sobre a situación do cine en feminino. Segundo explica a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e directora das xornadas, Anna Amorós, “esta é a primeira vez que na Universidade de Vigo se organiza un ciclo de cine sobre/con mulleres do mundo cinematográfico”.

A encargada de abrir as xornadas foi a vicerreitora do campus, María Lameiras, que deu paso á directora Manane Rodríguez que presentou Memorias Rotas. Socia fundadora de Xamalú Filmes, Rodríguez é membro da xunta directiva de Cima, Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais e asinou cintas como Os pasos perdidos, mención especial do xurado na Fipresci no Festival de Cine de Valladolid ou o premio especial Cinespaña do Festival de Toulouse.

O documental Memorias rotas é un dos poucos documentos audiovisuais existentes sobre a Guerra Civil en Galicia que segue os pasos da fuxida ao monte dun grupo de republicanos, co comandante Moreno á fronte. A cinta conta con testemuñas de familiares e veciños de A Fonsagrada que mantiveron viva esta historia na cultural oral a modo de romance da desaparición do batallón, do que se atopou a fosa común no monte do Acebo, asasinados polos falanxistas.

Próximas xornadas

A vindeira sesión será este xoves coa proxección de Mulleres da raia, de Diana Gonçalves, licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo que, con esta cinta, acadou o Premio Mestre Mateo 2009 ao mellor documental.

Xa a vindeira semana, o día 23, será a quenda para Patricia Ferreira e o seu Señora de..., proxección á que asistirá Carmen I. Rábade, co-guionista do filme galardoado en varios festivais nacionais e internacionais. Deste xeito, o ciclo abrangue tres das cintas máis representativas dos últimos tempos en Galicia en voz feminina, documentais de e sobre mulleres. Precisamente unha mesa redonda de mulleres do cine será a actividade que poña o punto final ao ciclo o día 25 de novembro. Nela participarán xunto con directora e produtora Manane Rodríguez; a actriz de películas como Sempre Xonxa e series como Hospital Central ou Mareas Vivas, Uxía Blanco; a propia Anna Amorós; Chelo Loureiro, delegada da CIMA de Galicia e produtora executiva e directora de desenvolvemento de Continental Animación; e María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense como moderadora.