DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso da Vicerreitoría achega as destrezas básicas deste paquete de código aberto

OpenOffice “desde cero” e para todos

O prazo de inscrición comeza hoxe e remata o venres

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 02/11/2009

Cada vez é maior a comunidade de usuarios informáticos que se decanta polo software libre debido á súa dispoñibilidade, adaptación ás necesidades de cadaquén, mellora continua e colectiva e fácil actualización. Así o paquete ofimático OpenOffice converteuse nun dos máis demandados, como alternativa aos programas de código pechado de Microsoft Office. Para atender esta demanda a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra deseñou o curso OpenOffice dende cero: Introducción á ofimática con software libre, que se desenvolverá do 9 ao 19 de novembro na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás. O prazo de inscrición estará aberto toda a semana, desde este luns e ata o venres. Encadrado na liña de programación da Aula Tecnolóxica, o curso ten, segundo o seu director,Alberto García Ariza, un dobre obxectivo: “por unha banda, promover un uso especializado das novas tecnoloxías, como pode ser a súa aplicación artística e educativa, e, pola outra, achegalas á sociedade en xeral”. Nesta última vertente é na que encaixa este nova acción formativa, que continúa así a programación iniciada no mes de outubro coa actividade Web 2.0 e blogs para todos.
Nesta ocasión, indicou Ariza, “búscase facer unha reivindicación do software libre, que é gratuíto, está a disposición de todos na rede, está sendo constantemente mellorado coas achegas dos usuarios, ofrece as mesmas prestacións que as opcións de pago de Microsoft e é compatible con calquera sistema operativo (Mac, Linux, PC)”.
Os asistentes adquirirán as destrezas básicas necesarias para o manexo dos distintos programas do OpenOffice. Así mesmo, precisou Ariza, “analizarán as semellanzas e diferenzas co paquete de Microsoft Office, o que usamos todos por defecto, e verán que poden desenvolver as mesmas tarefas cunha ferramenta de balde”. Os contidos específicos desta acción formativa céntranse no editor de textos OpenOffice Writer, nos primeiros pasos co OpenOffice Math, Clac e Draw, no manexo do editor de presentacións OpenOffice Impress e na iniciación ao OpenOffice Web.
O curso desenvolverase os luns, martes e xoves das dúas próximas semanas en horario de 19.00 a 21.00 horas e será impartido por Almudena Aparicio Andión, licenciada en Belas Artes, ilustradora e profesora de debuxo e educación plástica e visual.

Matrícula a través da plataforma Bubela

Esta actividade insírese dentro dos cursos de formación permanente impulsados pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra a través da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás e diríxese a todas as persoas interesadas dentro e fóra da comunidade universitaria. A matrícula para ocupar unha das vinte prazas ofertadas pode realizarse na Área de Posgrao Virtual a través da plataforma Bubela. Aqueles que acrediten ter acudido ao mínimo de sesións establecidas recibirán a certificación correspondente da Universidade.