DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convócase o Primeiro Certame de Novas Ideas Emprendedoras de La Región

Unha oportunidade para ese negocio que tanto desexas pór en marcha

Poden presentar as súas candidaturas os estudantes e egresados da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 08/11/2013
Buscando fórmulas de futuro no medio da crise, cada día é maior o compromiso de todo tipo de entidades públicas e privadas co emprendemento, especialmente co emprendemento dos máis novos e novas, que son os que padecen unha taxa máis elevada de desemprego. Co obxectivo de axudar aos estudantes e egresados da Universidade de Vigo a pór en marcha as súas ideas de negocio, o grupo de comunicación La Región vén de convocar o Primeiro Certame de Novas Ideas Emprendedoras Universitas Emprende.

Ata o 26 de novembro poden presentar as súas propostas as persoas ou grupos que teñan unha idea de negocio que sexa factible de transformarse en proxecto ou iniciativa emprendedora. O participante, ou polo menos un dos compoñentes do grupo, deberá estar cursando ou ter cursado e rematado estudos na Universidade de Vigo. Despois dunha primeira selección por parte da organización de dez proxectos semifinalistas, un xurado formado por investidores, emprendedores, representantes do grupo de comunicación La Región, profesores da Universidade e representantes de CIMO, entidade colaborada na iniciativa xunto á Deputación de Ourense, seleccionará ao proxecto gañador e a dous finalistas.

Apoio ao emprendedor

O proxecto gañador terá dereito a unha campaña de promoción en prensa e televisión valorada en 6000 euros; a un préstamo de ata 20.000 euros en condicións preferentes para a efectiva posta en marcha do negocio; a axuda e asesoramento para a creación da empresa; a networking; a unha localización nun viveiro de empresas, sen custo o primeiro ano; a apoio na procura de capital investidor e subvencións para a posta en marcha do negocio, e a un Ipad mini 16XB. Cada un dos proxectos finalista terá dereito a unha campaña de promoción en prensa e televisión valorada en 3000 euros; a axuda e asesoramento para a creación da empresa; a unha localización nun viveiro de empresas, sen custo o primeiro ano; a apoio na procura de capital investidor e subvencións para a posta en marcha do negocio e a unha estancia de fin de semana no Hotel Balneario Augas Santas. O acto de entrega do Primeiro Certame de Novas Ideas Emprendedoras Universitas Emprende terá lugar na primeira quincena de decembro de 2013.

“Desde a Universidade de Vigo apostamos firmemente polo fomento do emprendemento, con iniciativas como a posta en marcha da preincubadora universitaria Piuvi-Tecnópole Ou, e polo tanto recibimos cos brazos abertos este tipo de iniciativas que traballan por incentivar e recoñecer o emprendemento universitario”, salienta Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus, sobre este certame. Deste xeito, desde o campus de Ourense, apunta, anímase a todos os estudantes e egresados que cumpren os requisitos e que teñen un idea de negocio que queiran transformar en realidade a presentarse a esta convocatoria e a aproveitar os beneficios que lle pode proporcionar.