DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O secretario xeral de Xuventude impartiu este mércores unha charla informativa en CC.Sociais

Oportunidades de financiamento para os proxectos do alumnado con máis talento

Presentou os programas Iniciativa Xove, Xuventude Crea e Voluntariado Galego

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 23/10/2013
Arredor de 50 estudantes do último curso dos graos en Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións participaron este mércores nunha sesión informativa, na que o secretario xeral de Xuventude e Voluntariado. Ovidio Rodeiro, presentoulles os tres proxectos que a Xunta de Galicia pon ao seu dispor para desenvolver proxectos ou investigacións innovadoras en calquera disciplina ou área de estudo. Rodeiro acudiu ao centro convidado polo profesor David Formoso quen entende necesario informar aos alumnos e alumnas da Universidade dos distintos programas de axuda dos que poden botar man “para mergullarse incluso antes de rematar os seus estudos no mercado laboral e mellorar o seu currículo”.

Iniciativa Xove é unha das tres propostas nas que maior fincapé fixo Ovidio Rodeiro resaltando que programa está aberto a todos os mozos de ente 18 e 30 anos e sen a necesidade de que teñan que constituír unha asociación para poder participar na convocatoria como pasaba en anteriores edicións, podendo presentarse agora como “un grupo informal de rapaces e rapazas”. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Xuventude e Voluntariado financia o 80% do custe total duns proxectos “de impacto e con proxección de futuro”. Xuventude Crea e Voluntariado Galego son as outras dúas propostas que Rodeiro lles presentou aos estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, convidándoos “a participar en calquera destas propostas para demostrar que podedes facer cousas e só precisades dunha oportunidade”, concluíu Ovidio Rodeiro.

Nesta liña, o secretario xeral de Xuventude e Voluntariado lembroulles que hai tan só un par de anos un grupo de alumnos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo conseguiu que a Administración autonómica lle financiase o seu proxecto dentro de Iniciativa Xove. A idea que presentaron e posteriormente materializaron “pretendían amosar que un coche tamén podía funcionar co aceite que usamos nas nosas casas no canto de gasóleo ou gasolina” e foi tal o seu éxito que os por aquel entón alumnos do campus vigués conseguiron implicar nesa iniciativa a grandes empresas do sector automobilístico, explicou Ovidio Rodeiro.