DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Seminario de busca de emprego achega os universitarios ao mundo laboral

O optimismo e a actitude positiva son as claves para buscar traballo en tempos de crise

Ata este venres día 6 no Edificio Xurídico-Empresarial

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 05/03/2009

Optimismo, enerxía e bo humor foron as claves da primeira sesión que inaugurou o Seminario de busca de emprego. Á procura de emprego en tempo de crise. Organizado dende Máster de creación, dirección e innovación na empresa e a Cátedra Bancaja Jóvenes Emprendedores, este curso fuxe de ser “un seminario máis de emprego, achégandose a falar de actitudes, habilidades e competencias para entrar no mercado de traballo”, explicou Ana Gueimonde, coordinadora do mestrado.
Busca de emprego, crise, innovación e espírito emprendedor son verbas que levaron aos organizadores a realizar este curso, “palabras tan empregadas na actualidade que algunhas comezan a perder o seu significado”. O que se pretende con este seminario “é algo moi sinxelo e usado, por algo somos innovadores”, bromeu Gueimonde; “queremos baleirar os termos emprendedor e innovación dos seus usos vacuos, devolvelos á funcionalidade e enchelos cos nosos conferenciantes de ferramentas que vos ilustren e vos orienten no obxecto deste seminario, a busca de emprego”.
No curso, que remata este venres, falarase de como elaborar un bo currículo vitae, de como superar con éxito entrevistas de traballo, de actitudes, habilidades e competencias necesarias para sobrevivir no mercado laboral, de espírito emprendedor... “O emprego por si mesmo non nos fai persoas libres, pero a súa carencia é unha das maiores prisións. Aquí, coas achegas dos nosos relatores, trazaremos un plan de fuxida desta cárcere”, concluíu Gueimonde.

O optimismo como chave do éxito

Emilio Duró Pamies, socio fundador de ITER Consultores, foi o primeiro relator da xornada, co seu bo humor e optimismo espertou o interese dos asistentes. O seu relatorio O coeficiente de optimismo como chave do éxito, ofreceu ideas como que “a vida e a felicidade dependen da enerxía que teñas” ou que “a primeira característica da infelicidade é o medo”. Sen embargo, de onde se saca o optimismo, é algo que ten que ver coa xenética? Unha parte si, pero tamén se pode aprender; hai que ter ilusión, buscar novas metas e proxectos para o futuro, porque “o tempo pasa a unha velocidade impresionante por iso nunca podemos facer algo que non nos apaixone”. Hai que ter claro o que queremos facer coa nosa vida e loitar sen medo ao fracaso xa que “o 96% das persoas que non saben cales son as súas metas traballan para o 3% que sí o sabe”. Na procura de emprego hai que poñer todo o noso empeño e acudir ás entrevistas de traballo cunha actitude positiva e con moita enerxía, porque segundo Duró, “o mundo están nas mans daqueles que teñen o coraxe de soñar e correr o risco de vivir os seus soños”.

O currículo e a entrevista de traballo

A xornada do venres afondará en dous aspectos importantes á hora de atopar emprego, Como facer un bo currículo para conseguir unha boa entrevista, relatorio ofrecido por Isabel Puchol Plaza, socia fundadora de Puchol y Asociados e a Entrevista de traballo: día D, hora H, tema que tratará o director de recursos humanos para Europa do Grupo Modelo, Andrés Olivera García.