DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un proxecto de innovación educativa avaliou a súa relación cos resultados do alumnado

O optimismo, unha variable clave no rendemento académico

No estudo participaron 300 estudantes de CC da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/10/2018

Aquel alumnado que afronta un curso ou materia cunhas expectativas académicas “optimistas, pero realistas” ten unha maior probabilidade de acadar os seus obxectivos académicos. Esta é unha das conclusións extraídas do estudo realizado por investigadoras e investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no marco dun proxecto de innovación educativa. Coordinado polo profesor Miguel Cuevas, o proxecto contou coa participación de 292 estudantes, que cumprimentaron unha serie de cuestionarios dirixidos a avaliar variables psicoemocionais como o optimismo, as expectativas e a autoeficacia co propósito de estudar a súa relación co propio rendemento académico do alumnado. “As expectativas contrástanse coas notas parciais de cada un dos bloques das materias e coa nota final”, explica Cuevas dun estudo que se completa coa edición dun decálogo cunha serie de recomendacións dirixidas tanto ao profesorado como ao propio alumnado.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación docente aberta o pasado curso por esta facultade, o proxecto Innovación educativa, rendemento, expectativas, optimismo e autoeficacia pretendía por unha banda comparar as expectativas do alumnado respecto da cualificación que agardan obter nunha determinada materia, o nivel de aprendizaxe adquirido ou a utilidade deste para a súa futura práctica profesional co seu rendemento académico final. Por outra, o proxecto tiña tamén como eixo abordar a relación que o optimismo e o nivel de autoeficacia, a percepción da propia capacidade para conseguir determinados logros e resultados, tiñan tanto coas expectativas coas que as es os estudantes chegaban á materia en cuestión como cos seus resultados académicos finais. 

Xunto a Cuevas, as e os docentes de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña, Aquilino Alonso, Francisca Fariña e Regina Vega, as investigadoras María Míguez e Laura Redondo e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense María José Vázquez Figueirido como colaboradora integran o equipo responsable dun proxecto no que, ao inicio do segundo cuadrimestre do pasado curso, alumnado de diferentes materias de primeiro realizaba unha serie de cuestionarios nos que, xunto con diferentes variables psicoemocionais, recollía información respecto das súas expectativas académicas nesa materia en concreto. Cuestionarios que foron obxecto de análise unha vez entregadas as cualificacións finais co propósito de ver as posibles correlacións entre as expectativas iniciais e esas cualificacións, tanto no exame final, como nas correspondentes á parte práctica, ao traballo en grupo ou ao traballo autónomo do alumnado, como explica Cuevas dunha iniciativa que se levou a cabo tamén en aulas do campus de Vigo e Ourense.

Coñecerse a si mesmo para mellorar na aula

“A compresión das variables psicoemocionais no rendemento académico supón intervir na maneira na que o alumnado modula o seu pensamento, afecto e comportamento co fin de enfrontarse con eficacia ás situacións de aprendizaxe e en como integra os aspectos intelectuais, motivacionais e condutuais”, saliéntase na memoria dun proxecto no que a análise dos resultados amosa “que non somos moi realistas, que nos pasamos coas expectativas ou non chegamos”, como sinala Redondo, que incide en que unha das variables que amosan unha maior relevancia neste estudo é o optimismo; que aquelas persoas que desde unha perspectiva realista, “teñen maiores expectativas, logo esfórzanse máis por conseguir eses resultados”. 

“A literatura científica xa establece en xeral que o optimismo é unha variable preditora de todo rendemento e de todo éxito”, engade a catedrática Francisca Fariña dun proxecto dirixido a afondar nos seus efectos no ámbito concreto da formación, “na liña do que inspirou o Espazo Europeo de Educación Superior”, motivo polo que incide na importancia de traballar estes aspectos psicoemocionais co alumnado na súa chegada á Universidade. “Se lles pedimos que adquiran moitos coñecementos e non que regulen as súas emocións, realmente o sistema é deficitario, porque estas teñen unha incidencia logo tanto no seu desenvolvemento persoal como na futura práctica no mundo laboral”, engade Redondo. 

Recomendacións para alumnado e profesorado

Entre os obxectivos do proxecto figura tamén que os seus resultados sirvan para “buscar estratexias de ensino-aprendizaxe”, segundo se recolle na memoria. De aí que a fase final desta iniciativa se centre na edición dun “sinxelo decálogo” con recomendacións dirixidas a, por exemplo, incidir no alumnado en cuestións como “se é moi competitivo, que a competición ten que ser con eles mesmos”, ou transmitir ao profesorado aspectos como a necesidade de animar ao alumnado “poñéndolles retos que vexan que son capaces de completar”.