DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Miguel Ángel Crespo, catedrático de Economía Financeira e Contabilidade:

“A organización máis importante do mundo e base do desenvolvemento de Occidente é a empresa”

Na lección inaugural fixo un percorrido pola relación entre goberno corporativo e información financ

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
M. Del Río DUVI 24/09/2010
“A organización máis importante do mundo e a base do desenvolvemento de Occidente é a empresa”, en palabras de Micklethwait e Wooldridge. Con esta contundencia introduciu o catedrático de Economía Financeira e Contabilidade, Miguel Ángel Crespo, o tema da lección inaugural, na que fixo un percorrido pola relación entre goberno corporativo e información financeira da empresas. Como un dos piares formativos da Universidade de Vigo, a empresa representa unha alta porcentaxe dos estudos da institución (Administración e Dirección de Empresas, Economía, Comercio, Dereito Económico, Turismo) e polo tanto ocupa a unha boa parte do alumnado.

Nun momento de crise económica e convulsión internacional, Crespo Domínguez incidiu en que “non é suficiente a regulación, senón un proceso de formación persoal no que a autoconfianza, conseguida a través dunha boa aprendizaxe, sexa a mellor garantía de independencia e de ética no mundo dos negocios”. Neste sentido salientou o importante papel que desenvolven os docentes, “temos a obriga de formar e capacitar ao estudantado para mellorar e perfeccionar as súas capacidades e iso non é cuestión dun día”.

Unha historia económica de crises recorrentes

A historia da contabilidade foi paralela, en xeral, ao desenvolvemento humano. Dende as antigas civilizacións de China ou Exipto ata o dereito romano e o código italiano ata chegar ás lexislacións actuais, Crespo fixo un percorrido polo concepto de empresa e pola estreita relación entre información financeira e goberno corporativo, incluíndo “casos coñecidos por romper todos os límites previstos da ética e do goberno corporativo”.

Ao longo dos anos as crises financeiras foron repetíndose e as mesmas preguntas seguen sen resposta. “Cando se estudaron as causas da crise de 1929 chegouse á conclusión de que sobresaían dous problemas: a deficiente información financeira e o mal goberno corporativo. Ante esa diagnose, poderíamos preguntarnos: cantas veces, a partir de entón, oímos o mesmo?”, apuntou o catedrático.

No que atinxe á información financeira, o conferenciante explicou que debe entenderse como a presentación e divulgación da información que, referente a unha sociedade mercantil, lles permite aos que a len e analizan tomar as decisións económicas pertinentes. “Pero a realidade económica mostra unha certa situación de pasotismo” algo xa se manifestou anos atrás dende un xornal estadounidense que publicou un artigo titulado Os 18 millóns de libros que ninguén le, en referencia aos documentos que as empresas emiten anualmente con este tipo de información.

Pero intimamente ligado á información financeira das entidades está o concepto do goberno corporativo, imprescindibles ambos para o bo funcionamento do mercado financeiro. O profesor Crespo explicou que o goberno corporativo “é a forma de goberno das sociedades mercantís nun contexto en que a súa propiedade está disociada da Administración ou, polo menos, compartida”. Os problemas xorden, ao seu entender, cando non existe correspondencia entre propiedade e poder, polo que o que domine o órgano de administración domina a sociedade, “xa que os que toman decisións poden ter intereses contrapostos aos dos seus propietarios”. Este é o caldo de cultivo para a aparición dos fraudes, algo que se podería evitar “se os xestores estivesen mellor controlados por un consello dilixente e sagaz”.

As claves para o bo goberno

Nun informe sobre fraudes entre 1998 e 2007 presentado este ano pola Comisión Treadway explícase que no 89% dos casos as fraudes afectan ao principal directivo e que as principais técnicas empregadas para a estafa foron o recoñecemento inadecuado dos ingresos, a incorrecta avaliación dos activos e a capitalización de gastos.

O Informe Cadbury, elaborado en Inglaterra, conclúe que “as claves para un bo goberno baséanse en consellos de administración axeitadamente constituídos, separación de funcións entre presidente e principal executivo, establecemento de comités de auditoría e accionistas activos, información financeira e sistemas de auditoría que proporcionen información completa e relevante”.

Ante casos de fraudes como os de Enron ou WorldCom os expertos cuestionáronse o papel dos gatekeepers, os porteiros encargados de verificar e analizar as informacións publicadas polas empresas, é dicir, auditores, analistas e axencias de cualificación. Segundo o profesor Coffee, citado por Crespo, “non souberon estar á altura, absolutamente todos os controis fallaron”, polo que tampouco foi de estrañar que un ano despois vise a luz a Lei Sarbanes Oxley, que pon en valor a importancia da transparencia para evitar fraudes.

Pero anos despois o sector volve á recorrencia de fraudes que abocaron ao mundo a unha nova crise, a actual, que foi desencadeada por Fannie Mae, Freddie Mac e Lehman Brothers. Se o obxectivo da lei citada era a transparencia “un dos problemas relacionados coa crise das hipotecas subprime en EEUU é precisamente a falta de transparencia”, engadiu. A isto hai que engadir que moitas das operacións escapaban dos medios regulados e que os “vixiantes da información non actuaron correctamente”. O resultado foi outra crise, xa que permanecen as mesmas causas que nos casos de Enron ou WorldCom hai unha década.

Para atopar unha solución a estas quebras cíclicas e evitar as súas causas subxacentes, o profesor Crespo apunta que a regulación non é suficiente e mira cara a educación dos futuros profesionais, “unha responsabilidade de todo nós” para evitar que se rompan os límites da ética.

Lección inaugural de Miguel Ángel Crespo (378.12 Kb)