DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro terá lugar na Facultade de CCSS e da Comunicación a vindeira semana

A organización e xestión de eventos deportivos centra a terceira edición das Xornadas de Comunicación e Deporte

Coa participación de reprentantes do FC Barcelona e os mundiais de Moto GP e Hóckey Patíns

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 21/10/2009
Baixo o título A organización de eventos deportivos, o campus acollerá a vindeira semana as III Xornadas de Comunicación e Deporte. O luns 26 de outubro e o martes 27,no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, diferentes expertos tratarán a planificación e a execución de grandes acontecementos na área deportiva "co obxectivo de vincular a comunicación e o deporte, dous ámbitos moi presentes no noso campus a través das Facultades de Ciencias da Educación e de Ciencias Sociais e da Comunicación”, explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus e coordinadora das xornadas. Segundo Fernández Souto escolleuse este tema “porque esperta moito interese no campus, non hai materias específicas sobre el e pode supor unha saída profesional moi interesante para os nosos titulados”.

Especialistas de medios, axencias e directivos de grandes asociacións deportivas

Por terceiro ano consecutivo, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra organiza unhas xornadas que atraerán a investigadores e especialistas na programación de eventos deportivos, tanto do eido dos medios de comunicación, como de axencias de publicidade, relacións públicas e directivos de grandes asociacións deportivas. “Quizais o que máis chame a atención sexa a presenza de Ramón Pujol, o director de Relacións Intitucionais e Protocolo do FC Barcelona”, sinala Fernández Souto, “pero teremos especialistas de todos os eidos relacionados, desde o xerente da liga ASOBAL, Jordi Pallarés, ou o sponsoring director da entidade organizadora do Mundial de Moto GP, Ferrán Juncar”.
O xefe de retransmisións do Comité Olímpico Internacional, José Ramón Díez; os organizadores do Mundial de Hóckey sobre Patíns 2009; a coordinadora da medio maratón Vig-Bay, Pilar Ruiz; así como o director xeral de deportes do Concello de Pontevedra, Jaime Agulló, que falará do importante papel que o deporte internacional está a xogar na proxección e o posicionamento da cidade do Lérez, tamén participarán nas xornadas. As sesións pecharanse con intervencións sobre voluntariado deportivo e á importancia dos colaboradores puntuais na organización de macroeventos a cargo de Javier Rial, responsable de Deportes do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, e Dury Alonso, asesor externo para a xestión e a comunicación de acontecementos deportivos.

Segue aberto o prazo de inscrición

O acceso a todos os relatorios é libre e gratuíto ata completar aforo, aínda que existe a posibilidade de matricularse e obter un crédito de libre configuración. O prazo de inscrición estará aberto ata este venres e pode formalizarse cubrindo a ficha dispoñible na web do campus e enviándoa ao enderezo electrónico campuspontevedra@uvigo.es. Fernández Souto destacou “a elevada participación das edicións anteriores”, das que engadiu que “non se restrinxiu á nosa comunidade universitaria, senón que veu tamén moita xente de fóra”. Os matriculados contarán cun diploma de asistencia acreditativo.