DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O servizo atendeu a máis de 200 estudantes en 2009

Organizarse ben, a receita contra a ansiedade en época de exames

O campus de Ourense conta cun Gabinete Psicopedagóxico para a orientación persoal e profesional do a

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 17/01/2011
Un dos espazos máis acolledores do campus é unha pequena aula nos sotos do Edificio de Ferro. Cunha grande alfombra e coxíns de cores presidindo o espazo, a psicopedagoga Angélica Ferro atende alí ao alumnado que decide acudir ao Gabinete Psicopedagóxico do campus en busca de orientación académica ou persoal. O curso pasado foron máis de 200 estudantes, cifra que este ano esperan consolidar e incrementar. En época de exames como a actual as consultas medran e contra o ansiedade e o nerviosismo, a psicopedagoga recomenda ao alumnado “algo esencial: organizarse ben”.

O Gabinete Psicopedagóxico creouse no campus de Ourense en abril do ano 2008, respondendo á necesidade de atender de forma presencial ao seu alumnado en temas de orientación académica e persoal. “A meta principal é ofrecer un servizo de atención integral e de calidade que cubra as necesidades neste ámbito dos estudantes” explica Angélica Ferro.

O servizo máis demandado é a atención individualizada, na que os estudantes se achegan ata a oficina do gabinete e alí reciben a información ou atención precisa. Algúns dos temas de consulta máis habituais son información sobre as novas titulacións, saídas académicas ao termo dos estudos, técnicas de control da ansiedade e planificación eficaz do tempo de estudo.

“O perfil que con máis asiduidade recorre a estes servizos é tanto o do alumnado dos primeiros cursos, polo seu escaso coñecemento do sistema universitario e das técnicas de estudo axeitadas para esta etapa académica, como o estudantado dos últimos cursos, pola súa necesidade de establecer un plan persoal académico ou profesional ao remate das súas titulacións” salienta a psicopedagoga do campus.

Consello do profesorado

No curso 2009/2010, atendeu un total de 234 estudantes, cun número moi paritario de homes e mulleres. Segundo salienta Angélica Ferro a maioría dos usuarios do gabinete sono por iniciativa propia e non mostran reticencias a utilizar este tipo de axuda. A pesares disto, sinala “tamén hai moitos alumnos e alumnas que chegan derivados por profesores que se interesan por eles alén do estritamente académico e lles recomendan empregar este servizo, xogando un papel mediador de gran importancia e que repercute moi positivamente nos estudantes”.

En épocas de exames como a actual a demanda deste servizo pode aumentar ata un 30% respecto ao habitual, aínda que é nos exames de final de curso cando se dá o pico máis alto de solicitudes. Para enfrontar as probas o mellor posible, a recomendación principal da psicopedagoga do campus é organizarse ben. “A planificación é a base do éxito académico e ten que pasar necesariamente por dosificar o esforzo e ir afianzando o adquirido. A maior seguridade no aprendido, menor estado de nerviosismo e ansiedade no momento clave do exame”, salienta Ferro. Respectar os tempos de descanso e utilizar algunha técnica de respiración ou relaxación para gañar en confianza nos días previos aos exames son outros dos seus consellos.

O alumnado que se queira achegar ata a oficina para recibir atención personalizada poden facelo en horario de luns a venres, de 10.00 h a 14.00 h, e nas tardes dos martes e os xoves de 17.00 h a 20.00 h. Ademais, ao longo do ano o gabinete organiza actividades grupais sobre temas de interese académico e persoal, como obradoiros de técnicas de estudo ou talleres de relaxación.