DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bruno García, medalla de prata no Mundial Universitario de Taekwondo

“É un orgullo representar á Universidade nun torneo internacional, onde compiten os mellores de cada categoría”

Estivo acompañado pola outra deportista da institución viguesa, Nazaret Tilve

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 23/07/2008

“Cando vas a un campionato e as cousas saen como queres, volves cun bo recordo, sobre todo si se trata dun torneo mundial e cun nivel tan elevado”. Con estas palabras explicou Bruno García, deportista formado na Universidade, a súa satisfacción logo de conseguir a medalla de prata no Campionato Mundial Universitario de Taekwondo que se celebrou en Belgrado neste mes de xullo. Ademais, continuou o medallista, “é un orgullo representar a Vigo nun evento internacional, onde existe moita competitividade e onde van os mellores de cada categoría”. Por outra banda, García destacou o bo ambiente que se viviu en Belgrado entre todos os participantes españois, xa que “aínda que sabíamos que íamos a competir, todos somos compañeiros”, subliñou.
Recoñecido no eido deportivo como a nova promesa galega do taekwondo, Bruno García xa despuntaba no Campionato de España Universitario de Taekwondo, organizado pola Universidade de Vigo, e onde se fixera co primeiro posto da clasificación.

Un longo camiño ata a prata

Na categoría masculina e con 62 kg de peso gallo, Bruno García logrou o merecido segundo posto logo de vencer a Kazajistan na primeira rolda, a USA na segunda, de derrotar ao representante francés e de chegar á final ante o coreano Chan, quen finalmente acadou o ouro. Respecto a este último combate, que lle impediu obter o primeiro posto, Bruno García comentou que “foi moi duro, quizás faltou un pouco de concentración porque xa había demasiada expectación”, ao que engadiu que, “o rival era máis alto e moi rápido, o que fixo máis complicada a pelexa”.

A outra representación da Universidade de Vigo

O medallista estivo acompañado ao longo do torneo pola outra representante da Universidade clasificada para o campionato, Nazaret Tilve que, aínda que non obtivo medalla, deixou en moi bo lugar á institución viguesa. Segundo explicou Nazaret, “foi unha experiencia moi positiva, pero por unha lesión no nocello, unha escordadura de segundo grao, non estaba en plenas condicións e non puiden pasar as probas para medallas”.
Na categoría feminina e con 51 kg de peso mosca, a deportista amosou a súa técnica ante rivais procedentes de todo o mundo, entre os que se atopaban bastantes universitarios españois.
Pola súa banda, dos dous restantes deportistas galegos que participaron no torneo, Estefanía Hernández, representante da Uned, obtivo a outra medalla de prata para a nosa comunidade.