DUVI

Diario da Universidade de Vigo

David Pérez é único galego cunha bolsa de La Caixa para cursar estudos de posgrao en Europa

O orgullo de situar o sistema universitario galego no mapa nacional

O estudante da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía remata en Noruega os estudos de grao

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/06/2017

Hai case un ano David Pérez Piñeiro chegaba como estudante Erasmus desde a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo á Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía, NTNU, en Trondheim, para cursar o primeiro cuadrimestre do derradeiro ano do Grao en Enxeñaría da Enerxía. Contento coa, nas súas palabras “aventura nórdica”, decidiu alongar a súa estadía a todo o curso académico, que completou no Stiftelsen for industriell og teknisk forskning, instituto de investigación Sintef, onde remata o seu traballo fin de grao, que presentará en Vigo o vindeiro mes de xullo.

Pero antes de finalizar o curso, este alumno lucense de 22 anos, asegurábase a súa continuidade en Noruega tras confirmarse como un 65 estudantes universitarios de toda España e único galego, aos que La Caixa outorga unha bolsa para cursar estudos de posgrao en institucións académicas europeas. “Ser o único bolseiro galego desta edición non deixa de ser unha coincidencia desta convocatoria, pero en todo caso sempre é un orgullo situar a Galicia e ao seu sistema universitario no mapa nacional”, asegura Pérez, que confirma que destinará a bolsa, á que concorreron preto de 1000 solicitantes, a estudar un mestrado sobre xeración de enerxía térmica de dous anos na NTNU.

Unha boa formación de base na Universidade de Vigo

O atractivo dun grao que David Pérez considera que “te sitúa no centro dun campo que vai ter moito que dicir nas próximas décadas”, foi o que levou ao estudante a cursar o Grao de Enxeñaría de Enerxía na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. “De Vigo gustaríame destacar a formación base dos primeiros cursos, especialmente en matemáticas e física. Hai moi bos profesores na carreira e lembro con especial cariño as clases dese ano”, destaca o mozo, que sinala que, pola súa banda, a NTNU en materias máis especializadas ten as súas vantaxes, como docentes e persoal investigador internacionalmente recoñecido no campo da xeración de enerxía térmica no que se quere especializar. “En todo caso, vivir dous sistemas diferentes, permíteche ver todo con máis perspectiva e detectar as fortalezas e debilidades de cada un, que sempre as hai”, explica o estudante.

Unha vez rematado o mestrado de dous anos para o que obtivo a bolsa de La Caixa para cursar estudos de posgrao en universidades europeas, David Pérez asegura que non descarta continuar cun programa de doutoramento para, a continuación, desenvolver a súa carreira profesional no campo da xeración de enerxía térmica.