DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Empresariais e Turismo celebra o seu 25 aniversario cunha cerimonia chea de reencontros

Orgullosos do camiño percorrido e cheos de ilusión polos novos retos

O mago Jorge Blas foi a sorpresa anunciada que clausurou un acto 'máxico'

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 08/04/2011

Froito da “cooperación intelixente” para dar resposta ás demandas formativas dunha cidade que se atopaba en pleno crecemento nace en 1986 a Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo. Pasaron 25 anos e o centro celebrou este venres o seu cuarto de século coa presenza de autoridades, alumnado, profesores e persoal de administración e servizos de todas as xeracións que por el pasaron. Un acto de reencontros e de lembranzas, pero tamén de ilusións e de retos, marcados, sobre todo, polo campo das novas tecnoloxías, que abren un novo abano de posibilidades ao centro, así como a súa consolidación no campo do turismo. A celebración, ademais de facer un percorrido pola historia, contou cunha entrega de premios na que se recoñeceu o labor da dirección, da administración e do estudantado pechando o acto o mago Jorge Blas, convidado sorpresa, que repartiu “ilusión” entre os asistentes.

Representantes das 38 promocións e dos máis de 3500 estudantes que pasaron polas aulas do centro nestes 25 anos estiveron presentes na celebración. O reitor, Salustiano Mato, felicitoulles o aniversario cunhas palabras nas que salientou a solidez do centro e as súas apostas de futuro “converténdose en referencia tanto nos estudos de turismo como na xestión de información a través das novas tecnoloxías”. Pola súa banda, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, ex decano da facultade, fixo especial fincapé na súa evolución “pasando dunha diplomatura a seis titulacións oficiais axudando a alimentar e desenvolver o capital profesional do tecido ourensán”. Tamén destacou o papel dos docentes, “os que contribúen diariamente á formación de persoas que son quen de competir nun mundo cada vez máis global”

A gala, chea de sentimento, de lembranzas e reencontros, foi inaugurada pola decana da facultade e tamén alumna das primeiras promocións, Elisa Alén, quen, visiblemente emocionada, pronunciou un discurso no que fixo un breve percorrido pola historia do centro na que destacou “o esforzo de cada un dos membros dos equipos decanais que, co apoio de todos, lograron que este centro evolucionase paseniño a paseniño, conseguindo ser un referente de empeño e profesionalización e desempeñando un servizo á sociedade”. Aclarou que a celebración destes 25 anos “non supoñen o final do camiño, imos seguir co compromiso e á altura das circunstancias para estar preparados para afrontar outro cuarto de século”.

Recoñecemento aos decanos, ao persoal de administración e ao estudantado

En vez da entrega dun anel de prata, algo característico nos 25 anos, a Facultade de Ciencias Empresarias e de Turismo realizou unha entrega de premios na que se recoñecía a dedicación e entrega de todos os decanos do centro, do persoal de administración e servizos e do estudantado. Unha ilustración feita ex profeso para a ocasión por Xosé Lois, creador do Carrabouxo foi o premio que recibiron en primeiro termo os diferentes directores do centro. Carlos Pajares, reitor da Universidade de Santiago de Compostela cando nacera a escola en 1986 e os directores Antonio Vaamonde, Dolores Rivero, Terencia Silva, Luis García, José Antonio Fraiz e Jesús Vázquez recolleron a súa condecoración. O premio dedicado ao xa falecido Carlos Salgueiro foi entregado á súa dona pola profesora Ana Pérez. En nome de todos falou o primeiro director, Antonio Vaamonde, que afondou na necesidade de mirar cara adiante “e de que cada estudante busque o seu camiño, aínda que esteamos ante un futuro difícil”. Aproveitou a súa intervención para destacar a importancia do comercio electrónico “que representará, dentro de dez anos, o 90% de todo o comercio e a facultade non pode quedar illada desta nova realidade”, salientou Vaamonde.

Pola súa banda Patricio Sánchez, vicedecano da facultade, fixo entrega do recoñecemento ao persoal de administración e servizos a Catalina Álvarez, conserxe do edificio, que recolleu o premio en nome de todos. Álvarez aproveitou a súa intervención para lembrar “a aquelas persoas que hoxe xa non están con nós”. A vicedecana Elena Gallego recoñeceu ao sector estudantil, galardón que recolleu Manuel Carracedo, alumno das primeiras promocións e actual profesor da facultade. Carracedo referiuse ao compromiso que teñen aos profesores “de formar profesionais pero tamén de formar persoas, con valores, honrados e transparentes”.

As autoridades da cidade ourensá tamén foron galardoadas no acto, pola súa axuda e apoio á consolidación da facultade e por “traballar en equipo coa universidade logrando un centro de referencia e de ensino no sur de Galicia”. Deste xeito o vicepresidente do Consello Social da Universidade, en representación de Emilio Atrio, fixo entrega do premio ao alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez e a José Manuel Rodríguez, que acudiu en representación da Deputación de Ourense.

Maxia para non perder a ilusión

A celebración clausurouse coa sorpresa que a decana non quixo desvelar en ningún momento, un show a cargo do mago Jorge Blas e de Fernando Botella, que deron un toque de maxia fomentando a participación dos asistentes mediante trucos e exercicios de imaxinación porque, ao fin e ao cabo “o esencial é invisible aos ollos, soamente se pode ver co corazón”, explicou Blas na súa intervención, de aí a importancia “de non perder a ilusión”.

No acto tamén se realizou a proxección dun vídeo conmemorativo do 25 aniversario que espertou o sorriso de todos os presentes xa que contiña imaxes e fotografías que trouxeron ao presente recordos inesquecibles do pasado.